3/7/18

CONSTRUCIÓNS TRADICIONAIS DE CUBERTA VEXETAL EN DOZÓN


Os tellados da arquitectura tradicional de Dozón resolvéronse principalmente con trabes, pontóns e doela de madeira soportando  tella curva de arxila. É o caso da imaxe de arriba, na que podemos ver un longo pendello-expositor no campo da feira d'A Gouxa que presenta na cuberta os citados elementos. No extremo máis alonxado do pendello observamos que a renovación do tellado fíxose con chapas de fibrocemento, costume recente e bastante estendido no último medio século.
Outra cuberta tradicional en Dozón, menos frecuente, é a que presenta lousa esquistosa e da que quedan aínda algunhas construcións con este tipo de tellado, como un pendello situado na carballeira do castro de San Breixo, a carón da igrexa. Estes tellados obrigaban a utilizar madeiras moi consistentes para montar a estrutura de soporte.
Pero, de todas as cubertas tradicionais, quizais a que máis sorprenda en Dozón sexa a presenza aínda nos finais do século XX de construcións con cuberta de colmo de palla centea. Aparece principalmente en construcións adxectivas (cortes e palleiras) con tellado a dúas augas. Na actualidade é difícil encontrar en Dozón tellados de colmo. Os que había foron substituídos por chapas de fibrocemento ou desapareceron xunto coa edificación á que pertencían.
 Se observamos o mapa da imaxe superior (da autoría de Carlos Varela Aenlle, autor do traballo "As cubertas vexetais no noroeste peninsular") sorpréndenos ver Dozón como única zona xeográfica de Galicia fóra das serras orientais onde aparecen  construcións con cuberta de palla. A área galega onde existen ou existiron estas cubertas son: Os Ancares, O Cebreiro, Chaguazoso (Vilariño de Conso) e a Mezquita. E singularmente, no centro de Galicia, Dozón.
A cuberta de colmo de palla  é característica das primeiras construcións, xa aparecía nas vivendas circulares castrexas. Prolongouse nas pallozas, nalgunhas vivendas de dous andares (Chaguazoso) e en construcións adxectivas (cortes, palleiras, hórreos, cortizos...). Esta cuberta empregouse sempre en áreas de montaña, con climas de invernos rigorosos. Dozón pode considerarse de media montaña. As cubertas de colmo pemitían un maior illamento térmico e unha menor condensación interior. E quizais resultasen tamén máis asequibles economicamente.

 A imaxe anterior e o seguinte fragmento de texto corresponden ao referido traballo de Carlos Xesús Varela Aenlle.
As cubertas vexetais no Noroeste peninsular tiveron unha grande importancia en épocas pasadas xa que aparecen nomeadas en numerosas escrituras de diversos séculos pero tamén algunhas nos chegaron como un tesouro da arquitectura popular até boa parte das últimas décadas do século XX.
A partir das décadas de 1980 e 1990 prodúcese un cambio radical na súa conservación, que xa viña
unido á decadencia dunha sociedade económica tradicional labrega baseada na agricultura e na gandaría e que levaría consigo a desaparición de moitas destas construcións.
Aínda así sabemos da variedade de edificacións que se cubrían con materiais vexetais, desde casas,hórreos, muíños, batáns, cabanóns, igrexas, etc. nun espazo xeográfico con abundantes analoxías etnográficas e culturais como é o Noroeste da Península Ibérica, é dicir, toda a área que abrangue Galiza, o Norte de Portugal (Minho, Trás-os-Montes, Douro Litoral, Beira Alta...), Asturias, León, Zamora e o Norte de Palencia. As cubertas maioritariamente eran de centeo, pero tamén se utilizaron outros materiais como a xesta, o trigo, o millo, a escanda ou os terróns.
Toda esta tradición construtiva enmárcase dentro dun contexto máis amplo europeo onde existen así mesmo construcións con cuberta vexetal en numerosos países: Bretaña, Romanía, Inglaterra, Hungría, Rusia, Polonia, Alemaña, Suiza, etc.
A área de extensión da casa de cuberta vexetal na Galiza diminuiu fortemente desde hai décadas,
pero temos constancia a través de documentos antigos que o seu espallamento foi notábel por
diversas bisbarras do país, era a denominada “casa pallaza” nas escrituras. Ao mesmo tempo
varios viaxeiros no século XVI testemuñan a súa presenza.
Para tomar un exemplo no ano 1496 unha escritura do mosteiro de Santa Comba da Órrea no concello de Riotorto, referida a dous labregos do pobo de Fonseca di: “ (...) Et, dentro de un anno luego primero siguiente, an de fazer, cada unno dellos, sua casa pallaza, buenas en el dicho lugar, et morarlas e probarlas (...)”. Mais, xa a principios do século XIX restrínxese ás zonas montañosas do oriente galego, é dicir, aos concellos de Folgoso do Courel, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais, Baleira, Becerreá, A Fonsagrada e Pedrafita do Cebreiro.
Hoxe en día e cunha forte decadencia sitúanse nos concellos da Fonsagrada, Baleira, Becerreá, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro e Cervantes. No ano 1990 cifrábanse por parte da Xunta de Galiza nun número de 149, sendo Cervantes o concello con máis número delas (57) e Baleira a menor cun só exemplar. Na súa función tan só 14 seguían como vivenda, mentres que 109 utilizábanse como cortes e 21 como celeiros.
De todos os xeitos algunhas construcións de concellos próximos como Baralla, Triacastela ou Folgoso do Courel posúen aínda características de edificacións que foron teitadas no seu momento, que hoxe teñen a cubrición de lousa e na que se aprecia a falta de adaptación ás paredes e á organización interior da estrutura de vigas de madeira dunha antiga palloza.
Noutros lugares de Galiza as plantas con muros redondos, que sospeitamos como fan moitos dos etnógrafos actuais, tamén estarían cubertas de palla no seu tempo en concellos tan distantes como As Pontes de García Rodríguez, Riotorto, A Pontenova, O Vicedo, Calvos de Randín, Sobrado dos Monxes, Manzaneda, etc.
 A imaxe anterior e as seguintes  están tomadas do libro "A comarca do Deza" de Armando Vázquez Crespo e Daniel González Alén.
 En primeiro plano, corte en Fonte Estrada (A O)
Corte na aldea d'A Gouxa.

OS FORNOS COMUNAIS DE DOZÓN

Forno comunal de Cardelle - Dozón No ano 1993 souben do forno comunal do Carballo nunha visita que fixeramos á parroquia de Dozón. Foi o pri...