2/9/17

FESTA DA PENA DE FRANCIA EN DOZÓN




Mañá domingo 3 de setembro e o luns 4, Dozón celebra a romaría mariana de Pena de Francia. Unha moi longa tradición acompaña a este santuario que goza de grande devoción no concello de Dozón e limítrofes.
A celebración ao longo da historia comezaba polo traslado previo da efixie da Virxe desde a igrexa de Santa María (As Nogueiras) realizando a ascensión polo camiño do Rei ata a ermida-santuario. Durante as datas da festa celébranse misas solemnes con procesión arredor da ermida e acompañamento musical. Xantar campestre na extensa e fermosa carballeira presidida por una fonte de fresca auga. Para os distintos males acudíase a buscar remedio na fontela que agurgulla na carballeira do Rei.
Os santuarios nos cumios naceron nos inicios do cristianismo co afán de sacralizar os que antes foran lugares de ritos pagáns. Dozón recolle a tradición mariana xurdida na Serra de Francia salmantina e venera á Nai de Deus baixo esta advocación.
Sabedor de que o Faro e o Farelo contaron ou contan con senllos santuarios e que das súas romarías xurdiran coplas populares, botei de menos que este santuario de Dozón non dispuxese destes cantares. Desa arela xurdiron algunhas copliñas que ofrecemos no cabo deste artículo. En primeiro lugar presentamos a copla que o pobo cantou no retorno da romaría de San Silvestre, no Farelo (Agolada):
Ó subila e ó baixala
a costiña do Farelo,
ó subila e ó baixala
perdín a cinta do pelo.
Perdín a cinta do pelo, 
ailalo, ai lalelo.

No retorno da romaxe do Faro (Chantada e Rodeiro), a cantiga popular dicía:
Vindo do Faro vin unha nena,
viña do monte de calcetar,
como era nova pedinllle un bico,
pero ela non che mo quixo dar.

Do monte Faro son tamén ben coñecidas as cinco cantigas medievais que o trobeiro Xohán de Requeixo compuxera con motivo da festividade mariana.
Da Pena de Francia non coñeciamos ningunha copla popular e houbo que crealas. Sempre alguén tivo que inventalas. Velaquí, pois:

Á Pena de Francia irei,
ofrecido, en procesión,
á carballeira do Rei
coas xentes de Dozón.

Na Pena de Francia vives,
onde a terra toca o ceo, 
onde leda nos recibes,
romeiros en xubileo.

Alá na cima do monte
está a Virxe na ermida,
ten a cara tan alegre
que a visitala convida.

OS FORNOS COMUNAIS DE DOZÓN

Forno comunal de Cardelle - Dozón No ano 1993 souben do forno comunal do Carballo nunha visita que fixeramos á parroquia de Dozón. Foi o pri...