INTRODUCIÓN
No último mes acudín en dúas ocasións a esta singular paraxe coñecida como Foxo do Cabrito, alí onde conflúen os territorios dos concellos de Dozón, O Irixo e Lalín. Foi unha visita rutineira de quen soe saír a percorrer camiños e sendas da contorna, buscando o epicentro dos túneles ferroviarios que cruzan o ventre daqueles cumios. Tiña algunhas referencias xeográficas e literarias sobre o lugar, pero recibín unha sorpresa inesperada porque alí encontrei un "locus amoenus" a 724 m de altitude, que albergaba unha casa rodeada de prados e carballos, con todo o encanto da media montaña. Ese día bastoume co goce contemplativo daquela paisaxe que captou a atención da miña cámara.
A maior sorpresa viría a posteriori cando Eva Lamas, lectora das miñas publicacións en Facebook e con ascendentes neste lugar, me informa da historia desta casa. Iso invitoume a profundar no tema e volver ao lugar para facer máis fotografías e analizar in situ o significado e importancia deste enclave.
Agora, á vista do que puiden recabar, descubro que aquel espazo conta con moitos aspectos interesantes: ETNOGRÁFICOS (o foxo dos lobos e unha pousada ou venda), VIARIOS (cruzamento de dous importantes camiños, o dos Arrieiros e o que percorre o cordal desde As Antas-Beariz ata Chantada, o cruzamento dos túneles do tren), HISTÓRICOS (pousada, camiñantes, arrieiros, bandoleiros...), XEOGRÁFICOS (a confluencia administrativa de tres concellos e dúas provincias e a divisoria das concas hidrógraficas do río Viñao e do río Seixas), ARQUEOLOXÍA (mámoas, petroglifos, marcos xurisdicionais...) e A PAISAXE (agreste, de media montaña e con aquel recanto verde onde os carballos envolven a antiga pousada).
A TRAMPA PARA OS LOBOS. O TOPÓNIMO "Foxo do Cabrito"O microtopónimo co que se coñece aquela zona é dunha total transparencia, alude á existencia dunha antiga trampa para cazar lobos. Na actualidade non se conservan restos daquela construción, que con bastante lóxica desapareceu cando deixou de ter uso e a súa pedra quizais fose aproveitada para reutilizar ou ben en valados ou noutra construción.
Á vista do mapa de Domingo Fontán (arriba), que data de 1845, podemos ver os dous principais camiños que se cruzaban no Foxo do Cabrito. O que vai de Sur a Norte é o Camiño dos Arrieiros e o que vai de Leste a Oeste percorre os cumios das montañas que serven de límite natural ás provincias de Ourense e Pontevedra e alóngase polo extremo sur da Serra do Faro. Na Ermida do Medio, á esquerda do mapa, bifúrcase en dirección a Vilatuxe e polo outra dirección segue a montaña polo Testeiro ata As Antas (Beariz). Cara o Leste segue polo Abeledo, Cotofrío, San Martiño, A Cruz de Paio, Roiriz, A Pallota, Povadura, Furco, Agrade, Quintá, Chantada....
Delimitado por valados, entraba na pousada o camiño desde o norte. É bastante probable que ao perder a súa orixinal función de pousada, a casa se dedicase a explotación agropecuaria. Ao ser toda a mesma propiedade quizais decidisen eliminar o valado da esquerda e integrar o camiño, xa sen función, na finca.
Moitas destas pousadas datan de finais do século XVIII e chegaron a ser tan importantes como os mesmos camiños ou os medios de transporte utilizados. A situación dunha instalación coma esta nun lugar tan illado obedece ao paso da montaña, á confluencia de dous camiños importantes de longo percorrido e ao paso de numerosos viaxeiros. Caeron en desuso coa modernización dos medios de transporte e coa construción dunha nova rede viaria. É de supoñer que esta pousada do Foxo estivese operativa desde o século XVIII ata o primeiro terzo do século XX.
A pousada ou venda do Foxo ten a estrutura máis común destes albergues: un edificio central e as construcións adxectivas arredor, deixando un amplo curral interior, neste caso con dúas amplas portadas de entrada, unha orientada ao norte e o outra ao sur.
Cabalerizas, cortellos, pendellos, palleira... rodeaban o curral e actuaban simultaneamente como unha muralla que pechaba e fortificaba o casal.
A casa-vivenda do pousadeiro e a súa familia, con escaleira e patín ao curral interior. O habitual era dedicar a planta baixa a cociña, despensas, almacéns, etc.
Patio ou curral da pousada. A casa á dereita. Os outros lados do patio rectangular estaban ocupados por un elevado número de dependencias adxectivas. Aquí soía estar o pozo, abeberadeiros para o gando e pesebres.
Unha das múltiples casetas para albergar gando, camiñantes, carruaxes ou forraxes. Imaxinamos que o estado lamentable daqueles camiños decimonónicos favorecerían máis o transporte en cabalerías que en carruaxes.
Outra das dependencias adxectivas. Chegamos a contar máis dunha ducia delas. Só iso xa indica que foi unha pousada bastante concorrida.
Outra dependencia. Aquí pernoctarían camiñantes, arrieiros, comerciantes, viaxeiros románticos, bandoleiros, salteadores de camiños, cazadores....
Outra caseta con gran portada de acceso. A ausencia de elementos e a invasión da vexetación impiden adiviñar a primitiva función de cada unha destas dependencias.
Portas de acceso a outras dúas dependencias, a carón da portada sur do curral.
Edificio principal. Supoñemos que a da esquerda sería a casa-vivenda e a da dereita o pavillón central da pousada. En calquera caso, o conxunto contaba con múltiples espazos, con planta baixa e faiados, suficientes para aloxar un importante número de hóspedes.
Chamounos a atención tamén esta caseta exenta de planta baixa, fóra do recinto da pousada. Supoñemos que sería unha ampliación da pousada para cando estaba completa a zona central, ben para gando ou ben para persoas.
Na actualidade, os prados que rodean o casal aínda son coidados e aproveitados por algún labrego das inmediacións e o aspecto que presenta a zona é moi digno e acolledor.
Aquí vemos un fragmento dos camiños, á esquerda o que vai cara a ponte das Campinas (Camiño dos Arrieiros) e pola dereita o que se dirixe á Cruz da Grade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario