23/3/22

OS FORNOS COMUNAIS DE DOZÓN

Forno comunal de Cardelle - Dozón
No ano 1993 souben do forno comunal do Carballo nunha visita que fixeramos á parroquia de Dozón. Foi o primeiro que coñecín en Dozón e certamente suscitou o meu interese, pois na miña xeografía de nacencia e na de residencia non existía este tipo de fornos. Na miña parroquia e nas veciñas, a maioría das casas tiñan forno propio e se algún veciño carecía de forno, soía cocer nun forno da vecindade, sempre cunha contrasprestación.

Forno de Cardelle
Os fornos comunais pertencen ao conxunto dos veciños dunha aldea. A súa construción facíase a escote e o seu uso establecíase por quendas, seguindo un réxime de fornadas. Cada veciño levaba a súa leña para quentar o forno e ao rematar a súa fornada, debía deixar limpo o forno e a artesa para o uso do veciño que lle tocaba a continuación. Todos os usuarios debían contribuír ao seu sostemento e se alguén deixase de facelo, perdería o dereito ao seu uso.
Forno comunal de Amedo - Saa
Interior do forno de Amedo
Os fornos comunais son propios de lugares con escasos recursos económicos. Adoitan estar emprazados preto das casas da aldea, gardando unha distancia de seguridade en prevención de que posibles incendios non se propagasen ás vivendas. Tamén se tiña en conta que estivesen preto dunha fonte ou curso de auga, pois a auga empregábase para limpar e para amasar. E mesmo para apagar o lume en caso de incendio.
O caseto que alberga o forno soe ser de planta rectangular, case sempre con paredes de cachotería. A cuberta, con dúas vertentes e o tellado con tella de arxila, curva ou plana. As placas de fibrocemento no tellado son de uso recente e viñeron para rescatar da ruína estas construcións dunha maneira rápida e económica. 

Interior do forno de Amedo
Os fornos comunais abundan na provincia de Ourense. En Dozón tamén son máis frecuentes nas parroquias próximas a Ourense. Chama a atención   que non os haxa nas aldeas do Sisto.
En Rodeiro tamén os hai nas parroquias próximas ao límite con Ourense.








 O interior dos fornos comunais de Dozón soe ser moi sinxelo. O forno de pedra, con forma circular e bóveda, soe situarse na parede do fondo, fronte á porta. Nas outras paredes levaban arrimadas unhas plataformas horizontais chamadas tendais, feitas de madeira ou pedra, onde se lle daba forma á masa. Ademais, soía haber unha artesa, unha pa de ferro, unha pa de madeira, un rodo, un varredoiro, unha galla, unha forquita e un prato para a masa.
Tamén hai un espazo de traballo e convivencia para a xente que desempeña o labor de elaboración do pan.
No exterior e tamén nalgún recanto do interior soe haber un espazo destinado a acopiar o mulime (toxos, xestas, uces, carqueixas, pólas de carballo...) para quentar o forno.

Forno comunal de Roiriz - Bidueiros

Os fornos comunais tamén son espazos que cumpriron unha función social inestimable no pasado, xa que no decurso das fornadas, e sobre todo cando o traballo do campo era pouco, constituíron un lugar de reunión onde se xuntaban os veciños da aldea arredor da calor, das conversas e dos contos, ao igual que sucedía nos muíños.
"Quen queira saber as cousas 
vaia á forxa do ferreiro,
dea unha volta polo forno,
veña polo fiadeiro"

Estes fornos comunais estaban permanente abertos e a eles achegábanse mendigos e peregrinos, camiñantes e esmoleiros, en procura de abeiro, de pan e de quentura. Alí informaban esas xentes aos habitantes do lugar do que acontecía noutras terras, había relatos de roubos, de crimes, de milagres, de lendas... A calquera hora da noite, o forno comunal, que gardaba aínda parte da calor que tivo polo día, estaba disposto para acoller a quen non tivese onde durmir, co único traballo de empuxar a porta e deitarse por riba dun tendal.

Forno de Bidueiros
A industrialización do pan levou ao esmorecemento destas construcións. Nalgúns casos aproveitáronse para destinalos a almacén, pero noutros casos son pura memoria dun pasado non moi lonxano e a súa función é meramente decorativa. O peor é o seu abandono definitivo e observar como sucumben os tellados e como a vexetación se apodera do seu interior (tal sucede no forno do Carballo e no de Bidueiros).
Outros fornos comunais foron recuperados e actualmente cumpren unha función social de reunión dos veciños para compartir un magosto, un churrasco ou mesmo como local social de reunión para tratar asuntos da colectividade (tal é o caso do forno de Amedo, o da Lama, o de Roiriz).

Forno comunal de Amear - Bidueiros
Aquí neste artigo recollo oito fornos comunais de Dozón, que fun coñecendo ao longo dos anos. Oín falar doutro na Fonte Estrada, pero non o coñezo nin teño fotos del. Gustaríame que despois desta publicación, os veciños de cada aldea deixasen aquí constancia dos fornos comunais que aínda existen (restaurados ou abandonados). 
Forno de Amear

Estas singulares e funcionais construcións teñen unha importancia social, etnográfica e histórica destacable na historia das aldeas. Por iso é unha mágoa deixalas caer. Constituíron no seu momento un modelo de organización veciñal e un exemplo de eficacia no emprego dos recursos. Resultaba moito máis económico e rendible a súa construción colectiva e tamén era moito máis eficiente o seu uso, pois o forno unha vez quentado polo primeiro usuario do día, deixábao a media temperatura para o seguinte usuario, co conseguinte aforro de material combustible.  
Interior do forno de Amear

Forno comunal da Lama - Saa

Forno comunal de Covelos - Dozón

Interior do forno de Covelos

Forno de Covelos

Forno do Carballo
Forno comunal do Carballo - Dozón

Interior do forno do Carballo

 
















(Debo agradecerlle a Jesús Pérez García as fotos do forno de Cardelle).

BIBLIOGRAFÍA:
Historia de Galicia. Ramón Otero Pedrayo. Sección de Etnografía, Xaquín Lorenzo Fernández.
As construcións da arquitectura popular. Manuel Caamaño Suárez.

9/3/22

A INFLUENCIA DE OSEIRA EN DOZÓN E NA SÚA CONTORNA

Capela de Santo Domingo - Sanguiñedo - Dozón
Brasón de Oseira na capela de Santo Domingo - Sanguiñedo -Dozón
Brasón de Oseira na igrexa de Alemparte

O mosteiro cisterciense de Oseira exerceu, desde a súa fundación no século XII, a súa influencia nunha ampla zona xeográfica da súa contorna. O seu influxo reflectiuse no ámbito relixioso, no arquitectónico, no sector agrario e no comercial, principalmente. O brasón do mosteiro campea nas fachadas das igrexas parroquiais de Alemparte, da Corna e na capela de Santo Domingo, en Dozón, en clara mostra da vinculación destes templos co mosteiro.
Igrexa de Alemparte (Lalín)
Igrexa da Corna (Piñor)

No óvalo dereito campea o brasón de Oseira na igrexa da Corna



A arquitectura do mosteiro de San Pedro de Vilanova, en Dozón, posúe elementos suficientes para advertir a escola canteira expresada no edificio monacal de Oseira. Tamén é reseñable a vasta  coleccion diplomática de Vilanova que se conserva en Oseira. 
Aos monxes de Oseira tamén se atribúe a fundación da feira da Gouxa, igual que o fixeran coas feiras do Carballiño e de Cea.




20/1/22

A FEIRA DA GOUXA EN 1992

 

O 11 de decembo de 1992 acudín por primeira vez á feira da Gouxa coa intención de coñecer aquel mercado do que tanto oíra falar e provisto dunha cámara de afeccionado, de vídeo V-8, co obxectivo de filmar unha sinxela reportaxe.

Desde a miña perspectiva de quen tiña vivido innúmeras feiras en Agolada, quixen madrugar para recoller o inicio do mercado. E aí xurdiu a primeira sorpresa. Cheguei sobre as oito e media da mañá, aínda a noite non expirara completamente. E alí non había traza de que fose a haber unha feira. Só a taberna de Casamaro amosaba iluminación no seu interior e alí me refuxiei da friaxe daquela hora temperá. Ao abeiro dun café quentiño fun sabendo que a feira escomenzaba arredor das dez e que o mercado estaría no seu momento álxido arredor das doce. Iso, e tamén o que máis tarde fun vendo, lembroume o xeito antigo de celebrar as feiras, que escomezaban nesa hora e duraban ata ben avanzada a tarde. Así que tocaba esperar, tras a cociña de leña encendida e co café sempre a punto, a que chegasen os feirantes.

Coa inestimable compañía espontánea do propietario de Casamaro  fun visitando o recinto que nos anos 80 se construíu para albergar as vendas do gando. No interior convivían vacas, cuxos, cabalos, ovellas, cabras, labregos e varios tratantes. No exterior, á beira dos cargadoiros, encontrei bastantes tractores con porcos da ceba, pois a feira desta data era a propia para a súa venda. Tiven a fortuna de poder gravar o momento dun trato entre labrega e tratante, no que o darse a man sempre foi como firmar un documento. 

A continuación, fun percorrendo os tenderetes do mercado e os polbeiros, que difícilmente loitaban co vento frío que cruzaba a aldea. Nos barracóns de comidas era máis doado encontrar acubillo e alí fomos  filmar e tamén  degustar o polbo e a carne ao caldeiro. Tamén houbo un momento para improvisar unha entrevista cun tratante de Garabás. 

Por último, tamén quixemos gravar os poucos pendellos expositores da feira que seguen en pé e nun estado de semiabandono. 

Desde aquí invitamos a rescatar todas as construcións de feira desta aldea da Gouxa, coa maior fidelidade posible á súa historia e tradición. É, sen dúbida, esta feira unha reliquia da maneira antiga de vivir e comerciar os galegos.  Nela encontrei toda a autenticidade dun mundo labrego que noutras zonas próximas xa estaba extinguido. Pero que aquí se conservaba sen saber moi ben cales son as razóns que lle permitiron sobrevivir. 

A feira da Gouxa, na actualidade é un punto de encontro onde se mantén moi vixente o costume de ir comer e degustar os seus dous pratos por excelencia: o polbo e a carne ao caldeiro. Dúas datas no mes, o 11 e o 23. Coñezo moita xente que xa o ten por hábito e que  lamentaría  faltar a algunha destas citas. Aquí reúnense principalmente xentes de Dozón, Lalín, Rodeiro, O Irixo, Piñor, Cea, O Carballiño, Maside …

O feitizo deste lugar e da súa feira perviven en min desde aquela data. Volvín varias veces, menos das que me gustaría, case sempre a comer. E co paso dos anos medra en min o convencemento de que este evento feiral é un dos máis ancestrais e senlleiros da nosa terra.

Despois de 29 anos levedando nos arquivos, creo que xa é horas de divulgar e compartir estas imaxes cos que visitades esta fiestra.

10/2/21

O FOXO DO CABRITO: UNHA INTERESANTE PARAXE CON HISTORIA



INTRODUCIÓN

No último mes acudín en dúas ocasións a esta singular paraxe coñecida como Foxo do Cabrito, alí onde conflúen os territorios dos concellos de Dozón, O Irixo e Lalín. Foi unha visita rutineira de quen soe saír a percorrer camiños e sendas da contorna, buscando o epicentro dos túneles ferroviarios que cruzan o ventre daqueles cumios. Tiña algunhas referencias xeográficas e literarias sobre o lugar, pero recibín unha sorpresa inesperada porque alí encontrei un "locus amoenus" a 724 m de altitude, que albergaba unha casa rodeada de prados e carballos, con todo o encanto da media montaña. Ese día bastoume co goce contemplativo daquela paisaxe que captou a atención da miña cámara.

A maior sorpresa viría a posteriori cando Eva Lamas, lectora das miñas publicacións en Facebook e con ascendentes neste lugar, me informa da historia desta casa. Iso invitoume a profundar no tema e volver ao lugar para facer máis fotografías e analizar in situ o significado e importancia deste enclave.

Agora, á vista do que puiden recabar, descubro que aquel espazo conta con moitos aspectos interesantes: ETNOGRÁFICOS (o foxo dos lobos e unha pousada ou venda), VIARIOS (cruzamento de dous importantes camiños, o dos Arrieiros e o que percorre o cordal desde As Antas-Beariz ata Chantada, o cruzamento dos túneles do tren), HISTÓRICOS (pousada, camiñantes, arrieiros, bandoleiros...), XEOGRÁFICOS (a confluencia administrativa de tres concellos e dúas provincias e a divisoria das concas hidrógraficas do río Viñao e do río Seixas), ARQUEOLOXÍA (mámoas, petroglifos, marcos xurisdicionais...) e A PAISAXE (agreste, de media montaña e con aquel recanto verde onde os carballos envolven a antiga pousada).

A TRAMPA PARA OS LOBOS. O TOPÓNIMO  "Foxo do Cabrito"
O microtopónimo co que se coñece aquela zona é dunha total transparencia, alude á existencia dunha antiga trampa para cazar lobos. Na actualidade non se conservan restos daquela construción, que con bastante lóxica desapareceu cando deixou de ter uso e a súa pedra quizais fose aproveitada para reutilizar ou ben en valados ou noutra construción.
As trampas para cazar lobos desde hai centos de anos eran construcións de tres tipos:o Foxo simple, o Foxo de Converxencia e o Foxo de Cabrita ou de Cabrito. 
Este último tipo de Foxo é o que aparece recreado no debuxo de arriba e na imaxe de abaixo, onde se recolle un foxo destas características, que existe preto da aldea de Guende, en Lobios, na Serra do Xurés. Este tipo de foxo é un recinto de forma circular ou elipsoidal, construído cun valado pétreo de máis de dous metros de altura, lixeiramente inclinado cara o interior e cun remate capiado con lousas. Estes recintos adoitan ter un diámetro duns 40 metros. Tamén se soe dotar dunha rampa exterior de acceso para facilitarlle a entrada ao lobo (outras veces constrúese adosado a unha rocha que facilite a entrada ao foxo.
No interior destes recintos soíase colocar unha cabra ou ovella, atada, e usada como cebo para atraer aos lobos. Moitas veces a cabra colocábase dentro dunha gaiola, feita ex profeso. Os lobos accedían ao interior do foxo atraídos polos balidos da cabra e unha vez dentro xa lles era imposible saír, dada a altura e inclinación do valado e tamén porque o capiado obstaculizaba que a alimaña saltase o muro. Co lobo dentro, os pastores acudían con todo tipo de obxectos ofensivos para acabar con el. 
O foxo xa non existe no Foxo do Cabrito, pero a toponimia encargouse de que trascendese ata a actualidade.

UN IMPORTANTE CRUZAMENTO DE CAMIÑOS

Á vista do mapa de Domingo Fontán (arriba), que data de 1845, podemos ver os dous principais camiños que se cruzaban no Foxo do Cabrito. O que vai de Sur a Norte é o Camiño dos Arrieiros e o que vai de Leste a Oeste percorre os cumios das montañas que serven de límite natural ás provincias de Ourense e Pontevedra e alóngase polo extremo sur da Serra do Faro. Na Ermida do Medio, á esquerda do mapa, bifúrcase en dirección a Vilatuxe e polo outra dirección segue a montaña polo Testeiro ata As Antas (Beariz). Cara o Leste segue polo Abeledo, Cotofrío, San Martiño, A Cruz de Paio, Roiriz, A Pallota, Povadura, Furco, Agrade, Quintá, Chantada....
Supoñemos que estes camiños estiveron moi transitados no pasado. E iso explicaría a perfecta situación e a necesidade dun establecemento de acollida (pousada ou venda) para os viaxeiros nesta paraxe de altura, alonxada dos núcleos habitados. Coincide neste aspecto coas comúns características das máis xenuínas pousadas dos camiños: illamento, lonxanía de poboacións, no cruzamento de camiños de travesía, nos límites de municipios ou provincias...
Nesta foto aérea de 1956, os asteriscos amarelos sinalan o camiño dos cumios e os puntos vermellos, o Camiño dos Arrieiros. Na imaxe tamén se sinalan: a pousada (1), o camiño que vai a Dozón (2), o camiño que descende buscando a aldea do Navallo-Lalín (3), o camiño que leva á aldea da Abeleda-Lalín (4), a estrada que desde O Irixo vai a Lalín (5), a estrada que conduce a Vilatuxe, previo paso por Samprizón e Lebozán (6), o camiño que se dirixe á Ermida do Medio (7), a estrada do Irixo (8), e os tres camiños sinalados co 9 baixan á Zacarade e ao Tellado (O Irixo).
Son todas estas vías naturais baseadas no relevo e que buscaban os cumios como lugares de paso menos dificultosos, pois xeralmente os camiños de fondo de val nas estacións chuviosas estaban demasiado enlamados e cruzar os ríos e regatos convertíase nunha tarefa ardua.

A POUSADA OU VENDA
Aquí, entre carballos e á beira dos camiños citados anteriormente, atopamos hoxe un conxunto de construcións que albergaron unha antiga venda ou pousada, que serviu nos últimos séculos para dar acubillo e seguridade aos viaxeiros dos camiños.
Delimitado por valados, entraba na pousada o camiño desde o norte. É bastante probable que ao perder a súa orixinal función de pousada, a casa se dedicase a explotación agropecuaria. Ao ser toda a mesma propiedade quizais decidisen eliminar o valado da esquerda e integrar o camiño,  xa sen función, na finca.
Moitas destas pousadas datan de finais do século XVIII e chegaron a ser tan importantes como os mesmos camiños ou os medios de transporte utilizados. A situación dunha instalación coma esta nun lugar tan illado obedece ao paso da montaña, á confluencia de dous camiños importantes de longo percorrido e ao paso de numerosos viaxeiros. Caeron en desuso coa modernización dos medios de transporte e coa construción dunha nova rede viaria. É de supoñer que esta pousada do Foxo estivese operativa desde o século XVIII ata o primeiro terzo do século XX.
A pousada ou venda do Foxo ten a estrutura máis común destes albergues: un edificio central e as construcións adxectivas arredor, deixando un amplo curral interior, neste caso con dúas amplas portadas de entrada, unha orientada ao norte e o outra ao sur.
Cabalerizas, cortellos, pendellos, palleira... rodeaban o curral e actuaban simultaneamente como unha muralla que pechaba e fortificaba o casal.


As construcións adxectivas aparecen todas xa sen tellado e presentan varias trabes apoiadas no chan. Na da foto de arriba, que conta cunha ampla superficie, vemos o chan xa colmatado de materia vexetal e escombros. É unha construción que aproveitaba dous andares: a planta baixa e o faiado. Así o confirma o oco da ventá que mira cara ao solpor desde o faiado.
O tempo transcorrido desde o seu abandono quizais o exprese ben o arbusto que medra no interior dun pendello onde se aloxaba o forno do pan. 
Sabemos que, abandonada a súa función de pousada, foi durante bastante tempo unha casa de labranza. En 1958, ou quizais algo antes, foi abandonada definitivamente ao sercárenselle os pozos de auga por mor das obras do túnel do ferrocarril que se construíu no subsolo desta casa naqueles anos. A desaparcición das augas freáticas é unha das consecuencias da acción dos explosivos utilizados no túnel.
A casa-vivenda do pousadeiro e a súa familia, con escaleira e patín ao curral interior. O habitual era dedicar a planta baixa a cociña, despensas, almacéns, etc. 
Patio ou curral da pousada. A casa á dereita. Os outros lados do patio rectangular estaban ocupados por un elevado número de dependencias adxectivas. Aquí soía estar o pozo, abeberadeiros para o gando e pesebres. 
Unha das múltiples casetas para albergar gando, camiñantes, carruaxes ou forraxes. Imaxinamos que o estado lamentable daqueles camiños decimonónicos favorecerían máis o transporte en cabalerías que en carruaxes.
Outra das dependencias adxectivas. Chegamos a contar máis dunha ducia delas. Só iso  xa indica que foi unha pousada bastante concorrida.
Outra dependencia. Aquí pernoctarían camiñantes, arrieiros, comerciantes, viaxeiros románticos, bandoleiros, salteadores de camiños, cazadores....
Outra caseta con gran portada de acceso. A ausencia de elementos e a invasión da vexetación impiden adiviñar a primitiva función de cada unha destas dependencias.
Portas de acceso a outras dúas dependencias, a carón da portada sur do curral.
Edificio principal. Supoñemos que a da esquerda sería a casa-vivenda e a da dereita o pavillón central da pousada. En calquera caso, o conxunto contaba con múltiples espazos, con planta baixa e faiados, suficientes para aloxar un importante número de hóspedes.
Chamounos a atención tamén esta caseta exenta de planta baixa, fóra do recinto da pousada. Supoñemos que sería unha ampliación da pousada para cando estaba completa a zona central, ben para gando ou ben para persoas.

Parte traseira da Pousada.  
A soa existencia e conservación desta pousada consideramos que é unha auténtica excepción no territorio galego. Polo que, dada a súa pretérita importancia social e económica, atendendo ao seu digno estado de conservación, sempre recuperable, cremos que é un elemento do patrimonio arquitectónico e cultural merecente de atención e conservación.
Na actualidade, os prados que rodean o casal aínda son coidados e aproveitados por algún labrego das inmediacións e o aspecto que presenta a zona é moi digno e acolledor. 
Aquí vemos un fragmento dos camiños, á esquerda o que vai cara a ponte das Campinas (Camiño dos Arrieiros) e pola dereita o que se dirixe á Cruz da Grade.
Actualmente, debaixo destes camiños crúzanse tamén dous túneles do Ferrocarril e o Foxo é o epicentro desta intersección.
Entre os datos e anécdotas aportadas por Eva Lamas, podemos citar que a finais do século XIX o casal estaba habitado pola familia Lamas (devanceiros de Eva, supoñemos), que contaba con 22 fillos e aínda se conserva o testamento onde se citan.
Unha segunda circunstancia ocorreu a finais dos anos 70 do pasado século, cando unha banda de ladróns se asentou de intrusa nesta casa. Tivo que ir a Garda Civil para desaloxar o edificio, pero non conseguiron deter a ningún dos delincuentes. Sen embargo o alixo do que se incautaron era inxente (bebidas, armas, tecidos, alimentos, etc.).
Só me resta engadir que esta visita ao Foxo do Cabrito e saber da existencia desta casa destinada a pousada ou venda, dos túneles e as súas consecuencias, do foxo para cazar lobos, do paso de numerosos viaxeiros no pasado... evocoume moi vivamente o romanticismo, heroicidade, sacrificio e aventura daqueles arrieiros e viaxeiros de todo tipo que afrontaban as dificultades dos camiños, da montaña, dos perigos, dos asaltos. Toda esa historia non a podemos esquecer.

OS FORNOS COMUNAIS DE DOZÓN

Forno comunal de Cardelle - Dozón No ano 1993 souben do forno comunal do Carballo nunha visita que fixeramos á parroquia de Dozón. Foi o pri...