O 11 de decembo de 1992 acudín por primeira vez á feira da Gouxa coa intención de coñecer aquel mercado do que tanto oíra falar e provisto dunha cámara de afeccionado, de vídeo V-8, co obxectivo de filmar unha sinxela reportaxe.
Desde a miña perspectiva de quen tiña vivido innúmeras feiras en Agolada, quixen madrugar para recoller o inicio do mercado. E aí xurdiu a primeira sorpresa. Cheguei sobre as oito e media da mañá, aínda a noite non expirara completamente. E alí non había traza de que fose a haber unha feira. Só a taberna de Casamaro amosaba iluminación no seu interior e alí me refuxiei da friaxe daquela hora temperá. Ao abeiro dun café quentiño fun sabendo que a feira escomenzaba arredor das dez e que o mercado estaría no seu momento álxido arredor das doce. Iso, e tamén o que máis tarde fun vendo, lembroume o xeito antigo de celebrar as feiras, que escomezaban nesa hora e duraban ata ben avanzada a tarde. Así que tocaba esperar, tras a cociña de leña encendida e co café sempre a punto, a que chegasen os feirantes.
Coa inestimable compañía espontánea do propietario de Casamaro fun visitando o recinto que nos anos 80 se construíu para albergar as vendas do gando. No interior convivían vacas, cuxos, cabalos, ovellas, cabras, labregos e varios tratantes. No exterior, á beira dos cargadoiros, encontrei bastantes tractores con porcos da ceba, pois a feira desta data era a propia para a súa venda. Tiven a fortuna de poder gravar o momento dun trato entre labrega e tratante, no que o darse a man sempre foi como firmar un documento.
A continuación, fun percorrendo os tenderetes do mercado e os polbeiros, que difícilmente loitaban co vento frío que cruzaba a aldea. Nos barracóns de comidas era máis doado encontrar acubillo e alí fomos filmar e tamén degustar o polbo e a carne ao caldeiro. Tamén houbo un momento para improvisar unha entrevista cun tratante de Garabás.
Por último, tamén quixemos gravar os poucos pendellos expositores da feira que seguen en pé e nun estado de semiabandono.
Desde aquí invitamos a rescatar todas as construcións de feira desta aldea da Gouxa, coa maior fidelidade posible á súa historia e tradición. É, sen dúbida, esta feira unha reliquia da maneira antiga de vivir e comerciar os galegos. Nela encontrei toda a autenticidade dun mundo labrego que noutras zonas próximas xa estaba extinguido. Pero que aquí se conservaba sen saber moi ben cales son as razóns que lle permitiron sobrevivir.
A feira da Gouxa, na actualidade é un punto de encontro onde se mantén moi vixente o costume de ir comer e degustar os seus dous pratos por excelencia: o polbo e a carne ao caldeiro. Dúas datas no mes, o 11 e o 23. Coñezo moita xente que xa o ten por hábito e que lamentaría faltar a algunha destas citas. Aquí reúnense principalmente xentes de Dozón, Lalín, Rodeiro, O Irixo, Piñor, Cea, O Carballiño, Maside …
O feitizo deste lugar e da súa feira perviven en min desde aquela data. Volvín varias veces, menos das que me gustaría, case sempre a comer. E co paso dos anos medra en min o convencemento de que este evento feiral é un dos máis ancestrais e senlleiros da nosa terra.
Despois de 29 anos levedando nos arquivos, creo que xa é horas de divulgar e compartir estas imaxes cos que visitades esta fiestra.
No hay comentarios:
Publicar un comentario