En realidade de todos os sitios se poden contar moitas cousas interesantes. Para iso hai que coñecelos ben e ter con eles vínculos afectivos consolidados.
Eu coñezo A Lama, na parroquia de Saa, de varias visitas esporádicas e gardo coa contorna unha estreita relación de anos percorrendo este territorio en gratificantes periplos ciclistas que se prodigan en todas as estacións do ano. Moitas veces evito o paso polo miolo das aldeas para non incomodar á poboación canina nos seus dominios. Quizais por iso o meu itinerario se limita habitualmente a circular pola Cruz de A Lama en dirección á Pena de Francia ou transitar desde Rañestras con dirección a Cuñarro e Arnego. Iso non me impide admirar, coñecer e gozar con este locus amoenus das terras dezonenses.
A Lama repousa nunha hospitalaria vagoada que a natureza quixo ornar con verdes tapices herbáceos e vizosas carballeiras. No medio, as casas da aldea dispóñense nas beiras dos camiños, actualmente asfaltados, que parten da Cruz da Lama e de Cardelle. E alí coa omnipresenza da Pena de Francia, a aldea estende a mirada cara os horizontes de O Castro cara o poñente.
A Lama é terra de labregos rexos, herdeiros dunha longa tradición, que doe ver como aos poucos vai minguando. Sería desexable un futuro de esperanza e prosperidade para quen decide ganar o sustento coas tarefas agropecuarias. Ese é labor no que todos os sectores da sociedade debemos implicarnos. Contribuír á valoración, defensa e respecto polos modos de vida ancestrais que desde antigo permitiron habitar o rural e facer das aldeas ese remanso de tranquilidade e vida sa.
Gusto do lugar e expreso admiración sincera por quen habita aínda as aldeas. Porque eles son portadores dunha herdanza antiga. E quizais por costume ou quizais tamén por resistencia, manteñen acesa a chama da vida campesiña.
No hay comentarios:
Publicar un comentario