2/11/18

A GOUXA, ENCRUCILLADA DE FEIRA NOS CAMIÑOS REAIS


A Gouxa é unha aldea evocadora nas terras de Dozón, con longa historia de labregos e pegureiros, acrecentada polo dinamismo dos camiños. Viandantes, peregrinos e arrieiros transitaron arreo estas xeografías esparavanadas e deixaron aquí o ronsel do seu paso efémero. Supoñemos que terían neste ámbito refuxio e pousada desde antigo, como é propio en tantos vieiros.

A feira, que disque fora promovida polos monxes da Oseira tan próxima, sería o feito definitivo que catapultaría a aldea ao olimpo dos lugares de referencia. Os días 11 e 23 de cada mes actuou e actúa desde hai moito como lugar de encontro, concentrando xentes da contorna para o mercado, para os negocios e compravendas, para o parrafeo,  para o intercambio, para a degustación do polbo e a carne ao caldeiro... para saborear a xornada coa parsimonia que só os labregos saben amosar cando se conceden unha licenza para descansar.

 A aldea, da parroquia dezonense de Bidueiros, foi levantando pendellos expositores, barracóns para xantar e algunhas casetas-almacén para acoller a celebración do mercado. Os edificios, xunto coas casas labregas, fóronse organizando nas beiras do camiños reais, deixando amplos espazos para albergar as compra-vendas da feira. Nestas prazas aínda quedan varios carballos dos bastantes que é de supoñer acubillarían aos feirantes nos días solleiros.

 Os camiños da aldea partían nas catro direccións dos puntos cardinais: polo norte, un dirixíase pola Pena de Francia, Rañestras, A Lagoa, Alemparte á Ponte de Pedroso, onde cruzaba o Arnego con dirección a Ventosa e Agolada.
Cara o norleste, buscaba as parroquias cambotas de Arnego, Carboentes e Asperelo. E polo Leste dirixíase á Pallota, Pobadura e por Furco accedía á provincia de Lugo para continuar por Agrade e Chantada.
Polo Sur, descendía a Ourense, previo paso por Coiras, Carballeda, O Reino, Arenteiriño, Piñor, Cea...
Polo Oeste, seguía o cordal das montañas por San Martiño, Cotofrío, Foxo do Cabrito e dirixíase á Ermida do Medio. Desde alí podía descender á Espiñeira e Froufe, no Irixo; ou ben descender pola outra banda cara a Zobra ou cara a Vilatuxe, nas terras de Lalín.



Unha capela, hoxe desafectada de culto relixioso e  reconvertida en garaxe de tractor, escoltaba o camiño real que partía da aldea cara a Pena de Francia.
A primeira vez que visitei esta capela e coñecín este camiño, hai máis de vinte anos, serviume de pretexto para escribir uns sinxelos versos que a continuación reproduzo:


 CAMIÑO REAL

Antigo camiño real,
vía dos arrieiros.
que dende O Reino sobe
e chega a Bidueiros.

Camiño dos casteláns,
entra na Gouxa das feiras,
alóngase pola aldea
entre as casas mailas eiras.

Senda dos maragatos,
ruta dos peregrinos,
vai da Gouxa para Camba
na busca doutros destinos.

Na saída da aldea,
do camiño nunha beira,
con amplo e belido arco
loce a capela senlleira.


Hoxe, triste e abandonada,
sen devoción e sen culto
evoca o divino Portal
para ganarse o indulto.

A carón dun carballiño
na outra banda, hai un cruceiro,
loce fuste e capitel
e a fachenda do canteiro.

Deixa o camiño a aldea,
rube o agro entre valados,
ata a Ponte de Pedroso,
todo é monte e poucos prados.

3/7/18

CONSTRUCIÓNS TRADICIONAIS DE CUBERTA VEXETAL EN DOZÓN


Os tellados da arquitectura tradicional de Dozón resolvéronse principalmente con trabes, pontóns e doela de madeira soportando  tella curva de arxila. É o caso da imaxe de arriba, na que podemos ver un longo pendello-expositor no campo da feira d'A Gouxa que presenta na cuberta os citados elementos. No extremo máis alonxado do pendello observamos que a renovación do tellado fíxose con chapas de fibrocemento, costume recente e bastante estendido no último medio século.
Outra cuberta tradicional en Dozón, menos frecuente, é a que presenta lousa esquistosa e da que quedan aínda algunhas construcións con este tipo de tellado, como un pendello situado na carballeira do castro de San Breixo, a carón da igrexa. Estes tellados obrigaban a utilizar madeiras moi consistentes para montar a estrutura de soporte.
Pero, de todas as cubertas tradicionais, quizais a que máis sorprenda en Dozón sexa a presenza aínda nos finais do século XX de construcións con cuberta de colmo de palla centea. Aparece principalmente en construcións adxectivas (cortes e palleiras) con tellado a dúas augas. Na actualidade é difícil encontrar en Dozón tellados de colmo. Os que había foron substituídos por chapas de fibrocemento ou desapareceron xunto coa edificación á que pertencían.
 Se observamos o mapa da imaxe superior (da autoría de Carlos Varela Aenlle, autor do traballo "As cubertas vexetais no noroeste peninsular") sorpréndenos ver Dozón como única zona xeográfica de Galicia fóra das serras orientais onde aparecen  construcións con cuberta de palla. A área galega onde existen ou existiron estas cubertas son: Os Ancares, O Cebreiro, Chaguazoso (Vilariño de Conso) e a Mezquita. E singularmente, no centro de Galicia, Dozón.
A cuberta de colmo de palla  é característica das primeiras construcións, xa aparecía nas vivendas circulares castrexas. Prolongouse nas pallozas, nalgunhas vivendas de dous andares (Chaguazoso) e en construcións adxectivas (cortes, palleiras, hórreos, cortizos...). Esta cuberta empregouse sempre en áreas de montaña, con climas de invernos rigorosos. Dozón pode considerarse de media montaña. As cubertas de colmo pemitían un maior illamento térmico e unha menor condensación interior. E quizais resultasen tamén máis asequibles economicamente.

 A imaxe anterior e o seguinte fragmento de texto corresponden ao referido traballo de Carlos Xesús Varela Aenlle.
As cubertas vexetais no Noroeste peninsular tiveron unha grande importancia en épocas pasadas xa que aparecen nomeadas en numerosas escrituras de diversos séculos pero tamén algunhas nos chegaron como un tesouro da arquitectura popular até boa parte das últimas décadas do século XX.
A partir das décadas de 1980 e 1990 prodúcese un cambio radical na súa conservación, que xa viña
unido á decadencia dunha sociedade económica tradicional labrega baseada na agricultura e na gandaría e que levaría consigo a desaparición de moitas destas construcións.
Aínda así sabemos da variedade de edificacións que se cubrían con materiais vexetais, desde casas,hórreos, muíños, batáns, cabanóns, igrexas, etc. nun espazo xeográfico con abundantes analoxías etnográficas e culturais como é o Noroeste da Península Ibérica, é dicir, toda a área que abrangue Galiza, o Norte de Portugal (Minho, Trás-os-Montes, Douro Litoral, Beira Alta...), Asturias, León, Zamora e o Norte de Palencia. As cubertas maioritariamente eran de centeo, pero tamén se utilizaron outros materiais como a xesta, o trigo, o millo, a escanda ou os terróns.
Toda esta tradición construtiva enmárcase dentro dun contexto máis amplo europeo onde existen así mesmo construcións con cuberta vexetal en numerosos países: Bretaña, Romanía, Inglaterra, Hungría, Rusia, Polonia, Alemaña, Suiza, etc.
A área de extensión da casa de cuberta vexetal na Galiza diminuiu fortemente desde hai décadas,
pero temos constancia a través de documentos antigos que o seu espallamento foi notábel por
diversas bisbarras do país, era a denominada “casa pallaza” nas escrituras. Ao mesmo tempo
varios viaxeiros no século XVI testemuñan a súa presenza.
Para tomar un exemplo no ano 1496 unha escritura do mosteiro de Santa Comba da Órrea no concello de Riotorto, referida a dous labregos do pobo de Fonseca di: “ (...) Et, dentro de un anno luego primero siguiente, an de fazer, cada unno dellos, sua casa pallaza, buenas en el dicho lugar, et morarlas e probarlas (...)”. Mais, xa a principios do século XIX restrínxese ás zonas montañosas do oriente galego, é dicir, aos concellos de Folgoso do Courel, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais, Baleira, Becerreá, A Fonsagrada e Pedrafita do Cebreiro.
Hoxe en día e cunha forte decadencia sitúanse nos concellos da Fonsagrada, Baleira, Becerreá, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro e Cervantes. No ano 1990 cifrábanse por parte da Xunta de Galiza nun número de 149, sendo Cervantes o concello con máis número delas (57) e Baleira a menor cun só exemplar. Na súa función tan só 14 seguían como vivenda, mentres que 109 utilizábanse como cortes e 21 como celeiros.
De todos os xeitos algunhas construcións de concellos próximos como Baralla, Triacastela ou Folgoso do Courel posúen aínda características de edificacións que foron teitadas no seu momento, que hoxe teñen a cubrición de lousa e na que se aprecia a falta de adaptación ás paredes e á organización interior da estrutura de vigas de madeira dunha antiga palloza.
Noutros lugares de Galiza as plantas con muros redondos, que sospeitamos como fan moitos dos etnógrafos actuais, tamén estarían cubertas de palla no seu tempo en concellos tan distantes como As Pontes de García Rodríguez, Riotorto, A Pontenova, O Vicedo, Calvos de Randín, Sobrado dos Monxes, Manzaneda, etc.
 A imaxe anterior e as seguintes  están tomadas do libro "A comarca do Deza" de Armando Vázquez Crespo e Daniel González Alén.
 En primeiro plano, corte en Fonte Estrada (A O)
Corte na aldea d'A Gouxa.

18/2/18

IGREXA DE SAN REMIXIO DAS MACEIRAS

Non cabe dúbida de que o concello de Dozón alberga nos seus templos relixiosos suficientes peculiaridades e atractivos. Quero destacar tres deles por diferentes razóns: a igrexa do mosteiro de San Pedro de Vilanova pola súa excelente fábrica románica; o santuario de Pena de Francia, do que destacaría o seu emprazamento na maior elevación do municipio e a devoción relixiosa dos romeiros que alí acoden nos días de romaría. E en terceiro lugar situaría a igrexa de San Remixio das Maceiras. A igrexa é sinxela, de pequenas proporcións e arquitectura convencional. Fachada pétrea de perpiaño coroada por unha espadana, que acolle a única campá, e dous pináculos barrocos nos extremos.
Sin embargo, deste lugar eu quixera destacar outros factores que a min  me resultan especialmente interesantes: a soidade do lugar e o afastamento do templo das diferentes aldeas das que é cabeceira de parroquia; tamén a pequena carballeira e o cruceiro que rodean o adro; o cemiterio, onde sempre experimento a lírica de Bécquer ("Dios mío, que solos se quedan los muertos..."). E especialmente a singular situación da igrexa  no interior do castro de San Breixo, nun contexto cargado de historia e un entorno agreste, que  as queiroas e os toxos  engalanan coas súas cores na primavera.
Templo e entorno conforman un espazo fermoso e entrañable non exento dunha aura de fantasía e misterio. Son estas as aportacións que lle confiren  a soidade do emprazamento  e a historia do pretérito poboado prerromano.

OS FORNOS COMUNAIS DE DOZÓN

Forno comunal de Cardelle - Dozón No ano 1993 souben do forno comunal do Carballo nunha visita que fixeramos á parroquia de Dozón. Foi o pri...