A Gouxa é unha aldea evocadora nas terras de Dozón, con longa historia de labregos e pegureiros, acrecentada polo dinamismo dos camiños. Viandantes, peregrinos e arrieiros transitaron arreo estas xeografías esparavanadas e deixaron aquí o ronsel do seu paso efémero. Supoñemos que terían neste ámbito refuxio e pousada desde antigo, como é propio en tantos vieiros.
A feira, que disque fora promovida polos monxes da Oseira tan próxima, sería o feito definitivo que catapultaría a aldea ao olimpo dos lugares de referencia. Os días 11 e 23 de cada mes actuou e actúa desde hai moito como lugar de encontro, concentrando xentes da contorna para o mercado, para os negocios e compravendas, para o parrafeo, para o intercambio, para a degustación do polbo e a carne ao caldeiro... para saborear a xornada coa parsimonia que só os labregos saben amosar cando se conceden unha licenza para descansar.
A aldea, da parroquia dezonense de Bidueiros, foi levantando pendellos expositores, barracóns para xantar e algunhas casetas-almacén para acoller a celebración do mercado. Os edificios, xunto coas casas labregas, fóronse organizando nas beiras do camiños reais, deixando amplos espazos para albergar as compra-vendas da feira. Nestas prazas aínda quedan varios carballos dos bastantes que é de supoñer acubillarían aos feirantes nos días solleiros.
Cara o norleste, buscaba as parroquias cambotas de Arnego, Carboentes e Asperelo. E polo Leste dirixíase á Pallota, Pobadura e por Furco accedía á provincia de Lugo para continuar por Agrade e Chantada.
Polo Sur, descendía a Ourense, previo paso por Coiras, Carballeda, O Reino, Arenteiriño, Piñor, Cea...
Polo Oeste, seguía o cordal das montañas por San Martiño, Cotofrío, Foxo do Cabrito e dirixíase á Ermida do Medio. Desde alí podía descender á Espiñeira e Froufe, no Irixo; ou ben descender pola outra banda cara a Zobra ou cara a Vilatuxe, nas terras de Lalín.
A primeira vez que visitei esta capela e coñecín este camiño, hai máis de vinte anos, serviume de pretexto para escribir uns sinxelos versos que a continuación reproduzo:
CAMIÑO REAL
Antigo camiño real,
vía dos arrieiros.
que dende O Reino sobe
e chega a Bidueiros.
Camiño dos casteláns,
entra na Gouxa das feiras,
alóngase pola aldea
entre as casas mailas eiras.
Senda dos maragatos,
ruta dos peregrinos,
vai da Gouxa para Camba
na busca doutros destinos.
Na saída da aldea,
do camiño nunha beira,
con amplo e belido arco
loce a capela senlleira.
sen devoción e sen culto
evoca o divino Portal
para ganarse o indulto.
A carón dun carballiño
na outra banda, hai un cruceiro,
loce fuste e capitel
e a fachenda do canteiro.
Deixa o camiño a aldea,
rube o agro entre valados,
ata a Ponte de Pedroso,
todo é monte e poucos prados.
No hay comentarios:
Publicar un comentario