3/10/13

O MOSTEIRO DE DOZÓN

 Dozón é terra alta, alterna sabiamente vales agarimosos e lombos de montaña áspera. Nunha vagoada que forman os regos que descenden da Pena de Francia e de Rebordecovo, a paraxe goza dunha beleza vexetal e antiga. Alí, nos séculos do románico apousaron dona Guntroda e outras monxas bieitas para erguer oracións ao ceo e o máis nobre dos edificios da contorna: o mosteiro de San Pedro de Vilanova.
Por reformas da orde benedictina, as monxas dos pequenos mosteiros foron reagrupadas en San Paio de Antealtares en Santiago no ano 1499. Desde entón o edificio sufriu a desaparición do claustro coas súas dependencias e a igrexa, parroquial durante anos, foi anexada posteriormente a Santa María de Dozón. Na actualidade non ten culto nin uso concreto algún. E iso xoga na contra da mellor  conservación do edificio.
Ábsida, portadas, canzorriños, antefixa, arquiños lombardos,fiestras e arquivoltas compoñen unha xoia da mellor arquitectura románica.

18/12/10

TERRAS DE DOZÓN


Terras outas de Dozón
ríspidas, graves e núas,
escasas de pan e son,
fartas de soles e lúas...
¡Terras outas de Dozón!
Terras bravas, montesías,
de menhires e cruceiros
que soñan baixo os luceiros
con antergas teoloxías.
Monte raso, monte enxebre,
campa da rola viuda,
da inqueda e medosa lebre
e a roiba cabra barbuda.
Monte triste, en soedade,
pardecendo de carrascos,
humilde saial de frade,
mantelo pobre de tascos.
Pedras dos cumes desfeitas
do lóstrego e do trebón
mudas, inmobres, ergueitas
como mans en oración.
Outos castros derrubados,
fondas covas atuídas
polos ósos requeimados
de guerreiros e druídas...
Todo en vós dorme calado
no colo da Saudade,
nun soño de eternidade
con degaros dos pasado!
¡Terras 0utas de Dozón!
Na hora da despedida
déixovos o corazón!
Vinvos vello que se non...
¡outra fora a miña vida,
terras de monte Dozón!
                                               RAMÓN CABANILLAS

OS FORNOS COMUNAIS DE DOZÓN

Forno comunal de Cardelle - Dozón No ano 1993 souben do forno comunal do Carballo nunha visita que fixeramos á parroquia de Dozón. Foi o pri...