6/7/17

O CANDEDO

Que pode un dicir dun lugar que nunca pisou? Pois si, nunca estiven no Candedo (Dozón), só o puiden mirar na distancia e atrapalo no teleobxectivo da miña cámara. E ao observalo na foto intúo un caserío de resistencia. Resistencia agraria e gandeira nestes momentos de estrangulamento do sector, resistencia na altura fronte aos meteoros adversos do inverno, resistencia da Galicia rural tan desamparada.
Ollo ben a imaxe e engaiólame a o entorno arborado, a suave pendente dos prados de pastoreo e verdor, o horizonte ondulado e suave. Ollo a imaxe e necesariamente recordo a Maricaren a Monse e a Cristina, alumnas de antano.
Cand-edo  é un topónimo, que segundo teño lido, componse do radical CAND- (que significa rocha) e o sufixo -EDO (indicativo de abundancia). O certo é que na imaxe non se ven moitas rochas, pero ese é o significado. O mesmo radical vémolo en CAND-ÁN.

1/7/17

A PARTE (SAA)

A Parte é unha das aldeas da parroquia de Saa. Está situada nunha suave encosta que olla cara o sudoeste. Praderías e arboredas rodean o caserío. A aldea, como case todas as demais, presenta as casas alternando cos longos establos construídos nos últimos decenios. Arquitectura e paisaxe, ademais da historia, son os valores que nos cómpre preservar e repensar para acadar o futuro que queremos co fin de que as aldeas sobrevivan a tanta deserción.
A Parte foi dotada pola natureza dunha paisaxe de excelencia, á man humana correspóndelle o resto.

27/6/17

3/10/13

O MOSTEIRO DE DOZÓN

 Dozón é terra alta, alterna sabiamente vales agarimosos e lombos de montaña áspera. Nunha vagoada que forman os regos que descenden da Pena de Francia e de Rebordecovo, a paraxe goza dunha beleza vexetal e antiga. Alí, nos séculos do románico apousaron dona Guntroda e outras monxas bieitas para erguer oracións ao ceo e o máis nobre dos edificios da contorna: o mosteiro de San Pedro de Vilanova.
Por reformas da orde benedictina, as monxas dos pequenos mosteiros foron reagrupadas en San Paio de Antealtares en Santiago no ano 1499. Desde entón o edificio sufriu a desaparición do claustro coas súas dependencias e a igrexa, parroquial durante anos, foi anexada posteriormente a Santa María de Dozón. Na actualidade non ten culto nin uso concreto algún. E iso xoga na contra da mellor  conservación do edificio.
Ábsida, portadas, canzorriños, antefixa, arquiños lombardos,fiestras e arquivoltas compoñen unha xoia da mellor arquitectura románica.

18/12/10

TERRAS DE DOZÓN


Terras outas de Dozón
ríspidas, graves e núas,
escasas de pan e son,
fartas de soles e lúas...
¡Terras outas de Dozón!
Terras bravas, montesías,
de menhires e cruceiros
que soñan baixo os luceiros
con antergas teoloxías.
Monte raso, monte enxebre,
campa da rola viuda,
da inqueda e medosa lebre
e a roiba cabra barbuda.
Monte triste, en soedade,
pardecendo de carrascos,
humilde saial de frade,
mantelo pobre de tascos.
Pedras dos cumes desfeitas
do lóstrego e do trebón
mudas, inmobres, ergueitas
como mans en oración.
Outos castros derrubados,
fondas covas atuídas
polos ósos requeimados
de guerreiros e druídas...
Todo en vós dorme calado
no colo da Saudade,
nun soño de eternidade
con degaros dos pasado!
¡Terras 0utas de Dozón!
Na hora da despedida
déixovos o corazón!
Vinvos vello que se non...
¡outra fora a miña vida,
terras de monte Dozón!
                                               RAMÓN CABANILLAS

OS FORNOS COMUNAIS DE DOZÓN

Forno comunal de Cardelle - Dozón No ano 1993 souben do forno comunal do Carballo nunha visita que fixeramos á parroquia de Dozón. Foi o pri...