22/11/17

VILARELLO

Vilarello esténdese desde o Alto da Rocha en suave pendente cara o rego que desde A Lagoa baixa ao Asneiro na procura de A Retorta. Goza de panorámicas de privilexio e a natureza foi pródiga con esta terra: engalanouna coa prestancia dos carballos e a suavidade dos pasteiros. As casas aparecen como pinceladas de cor que rompen a monotonía do verdor, son a constatación da humanización da paisaxe. Desde o Agro da Retorta ata o Freixedo e desde Lagorciños ata Valdemoles, velaquí o espazo agropecuario onde a pequena parroquia desenvolve o seu labor.
O nome Vilarello é un diminutivo de Vilar (casal ou grupo de varias casas). E así desde antigo. Desde aquí desexámoslle longa e proveitosa singradura neste incerto mar da historia.

16/11/17

DIZ

Encontraron os ancestros en Diz
orixe e acubillo feliz.

Os actuais poboadores de Diz
saben do arraigo, da forte raíz.

12/11/17

O TOPÓNIMO "O SISTO"

Non se sabe moito sobre a orixe deste topónimo, que debe de ser moi antigo. Algúns autores consideran que os topónimos Sesto e Sisto son derivados do latín SISTERE (poñer,establecer e significarían establecemento para o gando, en relación a lugares de pasto)
É un topónimo bastante frecuente en Galicia, pois hai arredor de 60 entidades de poboación chamadas O Sisto/ Sisto.
Ten a mesma orixe ca Sesto, Sestos, Sistelo, Os Sistos.
No foro https://foros.xenealoxia.org/viewtopic.php?t=3610 cítanse as seguintes aportacións de diversos autores:
En Xenealoxia.org aparece como Sisto parroquia do Concello de Dozón. Existe certa polémica entre as xentes deste lugar sobre se é con "S" ou con "X", as pesquisas que fixen levaronme a que é O Sisto. En varios documentos do século XIX aparece con "S", o cambio penso que se produciu despois de que se chamase a parroquia de San Vicenso a partir da IIªRepública, recollendo finalmente os documentos o termo Sixto dun tempo a esta parte. 

Agora, na actualidade, ainda non está totalmente aclarada a discusión. Gustaríame ter máis argumentos ó respecto. Así, de anteman agradezo a calquera que poida axudarmea conseguir máis información sobre deste tema, fontes varias...

Un saúdo.

Mar (mariadomar).

Ben, respeito de Sisto non encontrei demasiado. De feito o que che vou comentar está no libro de Isidoro Millán: Toponimia del concejo de Pontedeume y cartas reales de su pueblo y alfoz.. Alí tamén hai este topónimo
Non obstante parece que o topónimo debe escribirse Sisto. Este nome así como Sistelo, Sesto, Sestelo, provén do ordinal Sextus e o senso sería que se trata dunha sexta parte na repartición de terras dun determinado lugar en época medieval. En principio a pesar da diferencia Sisto Sesto, parece que son a mesma palabra ainda que a explicación da mesma non me atrevo a encontrala convincente na obra de D. Isidoro. Este alude a que os topónimos Sisto veñan de época sueva porque o xermánico occidental que falaban levase a pronunciar Sixtus o ordinal frente aos galaicorromanos que pronunciarían Sextus. En fin, isto xa son debates de eruditos que nos escapan e que podemos encontrar mais ou menos convincientes. Adianto que eu son un inveterado escéptico.
Cumprimentos cordiais.
maviac.

Hai outro traballo de toponimia: Toponimia de Sarria de Antonio Diaz Fuentes. Nel tamén se recolle un lugar chamado Sixto pero que na documentación antiga aparece sempre como Sisto, e él opta depois de descartar que sexa un nome de posesor por un derivado do verbo latino sisto, que significa por, colocar, parar, considerando o topónimo có senso de apostadoiro ou parada no camiño. Tampouco me parece convincente; creo preferibel a derivación de Sisto do ordinal latino Sextus.
maviac.

Maviac, moitas grazas polas referencias bibliográficas, pasarei a lelas. Penso que pode referirse o da sexta parte no reparto de terras, pois dentro da mesma parroquia hai un pobo que se chama Sestos( deste non hai discordia, séguese a escreber con "s"). 

Saúdos.
mariadomar.

7/11/17

O RÍO ASNEIRO, UN TESOURO

     Dozón ten un tesouro quizais non suficientemente valorado: o río Asneiro ou Dozón. Un rego incipiente que aflora tímido na Carballeira do Rei (Pena de Francia) e que vai nutríndose ao baixar ao val coas augas doutros regueiros tributarios, para conformar un fermoso río co seu cauce sonoro e un frondoso bosque de galería. Abeirando pasteiros e trazando meandros caprichosos, baixa sen présas para alegrarnos a vida e a mirada.
     Cómpre preservar esta beleza e a pureza das súas augas. E dispensar todos os coidados que se nos ocorran para manter viva esta corrente. A seca que estamos a sufrir este ano debería facernos reflexionar. Quen sabe se algún día escaseará este ben do que estamos afeitos a gozar! A auga é un tesouro en retroceso. E non chega con manter o seu caudal. Faise imperativo protexer a súa pureza.

5/10/17

SANGUIÑEDO


Sanguiñedo, nobre terra
de ouriois cantareiros,
rexos homes pegureiros,
feros lobos na alta serra.


Alto Coto da Abiseira,
de empinada escorrentía,
do miñato, da bubela,
da pega e da cotovía.


Valdelobos, Valdecubas,
Monte Xis, o Valdasilva,
na inmensa soedade
vixiantes noite e día.


Valtrigás, o Zarnadelo,
Valdomiós, a Tragariza,
tolleitos polos coriscos,
mancados pola invernía.


Treboaba na casa do Vence,
o vento ruxía na de Avelino,
oulaban os cans na medianoite,
o eco subía ao Foxo do Cabrito.


A aldea é un antigo mosaico,
erixida paulatina no paso dos anos,
coa casa fidalga dos Varela
e co amplo corredor da casa Riando.


Vou camiño a Sanguiñedo 
coa ledicia dos días solleiros,
a paisaxe envólveme na fronda
desde os Chaos de Cardueiro.

                                                          Manuel Busto Galego

22/9/17

UN XÍLGARO EN BIDUEIROS

Nacín en lugar lonxano
hai xa dez lúas e pico,
mais cando marzo asomou,
sen ser cousa de capricho,
iniciamos a viaxe
un día de ceo limpo
cara a terras máis ao sur
cen ousados pintasilgos.
Nunha longa travesía
non exenta de perigos,
chegamos en primavera
a un país de moitos ríos,
de augas aínda puras,
un verdadeiro paraíso.
Decidimos afincarnos,
cada un buscou seu sitio:
-"Para pousar a aniñar
cumprirá levar bo tino".
Andei de póla en póla
polos ramallos perdido
na procura dun espazo
agachado e recollido;
andei polas fragas sombrizas, 
enredeime nos caxigos
e dei co lugar ao xeito
para facer alí o meu niño
no bicarelo máis feito,
no ramallo máis erguido
dun bidueiro lanzal
preto do San Martiño.
Nas outas terras de Dozón,
onde deita o Cotofrío,
atopei o meu relanzo
cerca da fonte e do muíño.
Na terra de Bidueiros,
dos seus campos ao agarimo,
fiquei para sempre atado
do seu engado prendido.

                                                 Manuel Busto Galego

2/9/17

FESTA DA PENA DE FRANCIA EN DOZÓN




Mañá domingo 3 de setembro e o luns 4, Dozón celebra a romaría mariana de Pena de Francia. Unha moi longa tradición acompaña a este santuario que goza de grande devoción no concello de Dozón e limítrofes.
A celebración ao longo da historia comezaba polo traslado previo da efixie da Virxe desde a igrexa de Santa María (As Nogueiras) realizando a ascensión polo camiño do Rei ata a ermida-santuario. Durante as datas da festa celébranse misas solemnes con procesión arredor da ermida e acompañamento musical. Xantar campestre na extensa e fermosa carballeira presidida por una fonte de fresca auga. Para os distintos males acudíase a buscar remedio na fontela que agurgulla na carballeira do Rei.
Os santuarios nos cumios naceron nos inicios do cristianismo co afán de sacralizar os que antes foran lugares de ritos pagáns. Dozón recolle a tradición mariana xurdida na Serra de Francia salmantina e venera á Nai de Deus baixo esta advocación.
Sabedor de que o Faro e o Farelo contaron ou contan con senllos santuarios e que das súas romarías xurdiran coplas populares, botei de menos que este santuario de Dozón non dispuxese destes cantares. Desa arela xurdiron algunhas copliñas que ofrecemos no cabo deste artículo. En primeiro lugar presentamos a copla que o pobo cantou no retorno da romaría de San Silvestre, no Farelo (Agolada):
Ó subila e ó baixala
a costiña do Farelo,
ó subila e ó baixala
perdín a cinta do pelo.
Perdín a cinta do pelo, 
ailalo, ai lalelo.

No retorno da romaxe do Faro (Chantada e Rodeiro), a cantiga popular dicía:
Vindo do Faro vin unha nena,
viña do monte de calcetar,
como era nova pedinllle un bico,
pero ela non che mo quixo dar.

Do monte Faro son tamén ben coñecidas as cinco cantigas medievais que o trobeiro Xohán de Requeixo compuxera con motivo da festividade mariana.
Da Pena de Francia non coñeciamos ningunha copla popular e houbo que crealas. Sempre alguén tivo que inventalas. Velaquí, pois:

Á Pena de Francia irei,
ofrecido, en procesión,
á carballeira do Rei
coas xentes de Dozón.

Na Pena de Francia vives,
onde a terra toca o ceo, 
onde leda nos recibes,
romeiros en xubileo.

Alá na cima do monte
está a Virxe na ermida,
ten a cara tan alegre
que a visitala convida.

6/7/17

O CANDEDO

Que pode un dicir dun lugar que nunca pisou? Pois si, nunca estiven no Candedo (Dozón), só o puiden mirar na distancia e atrapalo no teleobxectivo da miña cámara. E ao observalo na foto intúo un caserío de resistencia. Resistencia agraria e gandeira nestes momentos de estrangulamento do sector, resistencia na altura fronte aos meteoros adversos do inverno, resistencia da Galicia rural tan desamparada.
Ollo ben a imaxe e engaiólame a o entorno arborado, a suave pendente dos prados de pastoreo e verdor, o horizonte ondulado e suave. Ollo a imaxe e necesariamente recordo a Maricaren a Monse e a Cristina, alumnas de antano.
Cand-edo  é un topónimo, que segundo teño lido, componse do radical CAND- (que significa rocha) e o sufixo -EDO (indicativo de abundancia). O certo é que na imaxe non se ven moitas rochas, pero ese é o significado. O mesmo radical vémolo en CAND-ÁN.

1/7/17

A PARTE (SAA)

A Parte é unha das aldeas da parroquia de Saa. Está situada nunha suave encosta que olla cara o sudoeste. Praderías e arboredas rodean o caserío. A aldea, como case todas as demais, presenta as casas alternando cos longos establos construídos nos últimos decenios. Arquitectura e paisaxe, ademais da historia, son os valores que nos cómpre preservar e repensar para acadar o futuro que queremos co fin de que as aldeas sobrevivan a tanta deserción.
A Parte foi dotada pola natureza dunha paisaxe de excelencia, á man humana correspóndelle o resto.

27/6/17

OS FORNOS COMUNAIS DE DOZÓN

Forno comunal de Cardelle - Dozón No ano 1993 souben do forno comunal do Carballo nunha visita que fixeramos á parroquia de Dozón. Foi o pri...