5/10/17

SANGUIÑEDO


Sanguiñedo, nobre terra
de ouriois cantareiros,
rexos homes pegureiros,
feros lobos na alta serra.


Alto Coto da Abiseira,
de empinada escorrentía,
do miñato, da bubela,
da pega e da cotovía.


Valdelobos, Valdecubas,
Monte Xis, o Valdasilva,
na inmensa soedade
vixiantes noite e día.


Valtrigás, o Zarnadelo,
Valdomiós, a Tragariza,
tolleitos polos coriscos,
mancados pola invernía.


Treboaba na casa do Vence,
o vento ruxía na de Avelino,
oulaban os cans na medianoite,
o eco subía ao Foxo do Cabrito.


A aldea é un antigo mosaico,
erixida paulatina no paso dos anos,
coa casa fidalga dos Varela
e co amplo corredor da casa Riando.


Vou camiño a Sanguiñedo 
coa ledicia dos días solleiros,
a paisaxe envólveme na fronda
desde os Chaos de Cardueiro.

                                                          Manuel Busto Galego

22/9/17

UN XÍLGARO EN BIDUEIROS

Nacín en lugar lonxano
hai xa dez lúas e pico,
mais cando marzo asomou,
sen ser cousa de capricho,
iniciamos a viaxe
un día de ceo limpo
cara a terras máis ao sur
cen ousados pintasilgos.
Nunha longa travesía
non exenta de perigos,
chegamos en primavera
a un país de moitos ríos,
de augas aínda puras,
un verdadeiro paraíso.
Decidimos afincarnos,
cada un buscou seu sitio:
-"Para pousar a aniñar
cumprirá levar bo tino".
Andei de póla en póla
polos ramallos perdido
na procura dun espazo
agachado e recollido;
andei polas fragas sombrizas, 
enredeime nos caxigos
e dei co lugar ao xeito
para facer alí o meu niño
no bicarelo máis feito,
no ramallo máis erguido
dun bidueiro lanzal
preto do San Martiño.
Nas outas terras de Dozón,
onde deita o Cotofrío,
atopei o meu relanzo
cerca da fonte e do muíño.
Na terra de Bidueiros,
dos seus campos ao agarimo,
fiquei para sempre atado
do seu engado prendido.

                                                 Manuel Busto Galego

2/9/17

FESTA DA PENA DE FRANCIA EN DOZÓN




Mañá domingo 3 de setembro e o luns 4, Dozón celebra a romaría mariana de Pena de Francia. Unha moi longa tradición acompaña a este santuario que goza de grande devoción no concello de Dozón e limítrofes.
A celebración ao longo da historia comezaba polo traslado previo da efixie da Virxe desde a igrexa de Santa María (As Nogueiras) realizando a ascensión polo camiño do Rei ata a ermida-santuario. Durante as datas da festa celébranse misas solemnes con procesión arredor da ermida e acompañamento musical. Xantar campestre na extensa e fermosa carballeira presidida por una fonte de fresca auga. Para os distintos males acudíase a buscar remedio na fontela que agurgulla na carballeira do Rei.
Os santuarios nos cumios naceron nos inicios do cristianismo co afán de sacralizar os que antes foran lugares de ritos pagáns. Dozón recolle a tradición mariana xurdida na Serra de Francia salmantina e venera á Nai de Deus baixo esta advocación.
Sabedor de que o Faro e o Farelo contaron ou contan con senllos santuarios e que das súas romarías xurdiran coplas populares, botei de menos que este santuario de Dozón non dispuxese destes cantares. Desa arela xurdiron algunhas copliñas que ofrecemos no cabo deste artículo. En primeiro lugar presentamos a copla que o pobo cantou no retorno da romaría de San Silvestre, no Farelo (Agolada):
Ó subila e ó baixala
a costiña do Farelo,
ó subila e ó baixala
perdín a cinta do pelo.
Perdín a cinta do pelo, 
ailalo, ai lalelo.

No retorno da romaxe do Faro (Chantada e Rodeiro), a cantiga popular dicía:
Vindo do Faro vin unha nena,
viña do monte de calcetar,
como era nova pedinllle un bico,
pero ela non che mo quixo dar.

Do monte Faro son tamén ben coñecidas as cinco cantigas medievais que o trobeiro Xohán de Requeixo compuxera con motivo da festividade mariana.
Da Pena de Francia non coñeciamos ningunha copla popular e houbo que crealas. Sempre alguén tivo que inventalas. Velaquí, pois:

Á Pena de Francia irei,
ofrecido, en procesión,
á carballeira do Rei
coas xentes de Dozón.

Na Pena de Francia vives,
onde a terra toca o ceo, 
onde leda nos recibes,
romeiros en xubileo.

Alá na cima do monte
está a Virxe na ermida,
ten a cara tan alegre
que a visitala convida.

6/7/17

O CANDEDO

Que pode un dicir dun lugar que nunca pisou? Pois si, nunca estiven no Candedo (Dozón), só o puiden mirar na distancia e atrapalo no teleobxectivo da miña cámara. E ao observalo na foto intúo un caserío de resistencia. Resistencia agraria e gandeira nestes momentos de estrangulamento do sector, resistencia na altura fronte aos meteoros adversos do inverno, resistencia da Galicia rural tan desamparada.
Ollo ben a imaxe e engaiólame a o entorno arborado, a suave pendente dos prados de pastoreo e verdor, o horizonte ondulado e suave. Ollo a imaxe e necesariamente recordo a Maricaren a Monse e a Cristina, alumnas de antano.
Cand-edo  é un topónimo, que segundo teño lido, componse do radical CAND- (que significa rocha) e o sufixo -EDO (indicativo de abundancia). O certo é que na imaxe non se ven moitas rochas, pero ese é o significado. O mesmo radical vémolo en CAND-ÁN.

1/7/17

A PARTE (SAA)

A Parte é unha das aldeas da parroquia de Saa. Está situada nunha suave encosta que olla cara o sudoeste. Praderías e arboredas rodean o caserío. A aldea, como case todas as demais, presenta as casas alternando cos longos establos construídos nos últimos decenios. Arquitectura e paisaxe, ademais da historia, son os valores que nos cómpre preservar e repensar para acadar o futuro que queremos co fin de que as aldeas sobrevivan a tanta deserción.
A Parte foi dotada pola natureza dunha paisaxe de excelencia, á man humana correspóndelle o resto.

27/6/17

3/10/13

O MOSTEIRO DE DOZÓN

 Dozón é terra alta, alterna sabiamente vales agarimosos e lombos de montaña áspera. Nunha vagoada que forman os regos que descenden da Pena de Francia e de Rebordecovo, a paraxe goza dunha beleza vexetal e antiga. Alí, nos séculos do románico apousaron dona Guntroda e outras monxas bieitas para erguer oracións ao ceo e o máis nobre dos edificios da contorna: o mosteiro de San Pedro de Vilanova.
Por reformas da orde benedictina, as monxas dos pequenos mosteiros foron reagrupadas en San Paio de Antealtares en Santiago no ano 1499. Desde entón o edificio sufriu a desaparición do claustro coas súas dependencias e a igrexa, parroquial durante anos, foi anexada posteriormente a Santa María de Dozón. Na actualidade non ten culto nin uso concreto algún. E iso xoga na contra da mellor  conservación do edificio.
Ábsida, portadas, canzorriños, antefixa, arquiños lombardos,fiestras e arquivoltas compoñen unha xoia da mellor arquitectura románica.

18/12/10

TERRAS DE DOZÓN


Terras outas de Dozón
ríspidas, graves e núas,
escasas de pan e son,
fartas de soles e lúas...
¡Terras outas de Dozón!
Terras bravas, montesías,
de menhires e cruceiros
que soñan baixo os luceiros
con antergas teoloxías.
Monte raso, monte enxebre,
campa da rola viuda,
da inqueda e medosa lebre
e a roiba cabra barbuda.
Monte triste, en soedade,
pardecendo de carrascos,
humilde saial de frade,
mantelo pobre de tascos.
Pedras dos cumes desfeitas
do lóstrego e do trebón
mudas, inmobres, ergueitas
como mans en oración.
Outos castros derrubados,
fondas covas atuídas
polos ósos requeimados
de guerreiros e druídas...
Todo en vós dorme calado
no colo da Saudade,
nun soño de eternidade
con degaros dos pasado!
¡Terras 0utas de Dozón!
Na hora da despedida
déixovos o corazón!
Vinvos vello que se non...
¡outra fora a miña vida,
terras de monte Dozón!
                                               RAMÓN CABANILLAS

OS FORNOS COMUNAIS DE DOZÓN

Forno comunal de Cardelle - Dozón No ano 1993 souben do forno comunal do Carballo nunha visita que fixeramos á parroquia de Dozón. Foi o pri...