20/1/22

A FEIRA DA GOUXA EN 1992

 

O 11 de decembo de 1992 acudín por primeira vez á feira da Gouxa coa intención de coñecer aquel mercado do que tanto oíra falar e provisto dunha cámara de afeccionado, de vídeo V-8, co obxectivo de filmar unha sinxela reportaxe.

Desde a miña perspectiva de quen tiña vivido innúmeras feiras en Agolada, quixen madrugar para recoller o inicio do mercado. E aí xurdiu a primeira sorpresa. Cheguei sobre as oito e media da mañá, aínda a noite non expirara completamente. E alí non había traza de que fose a haber unha feira. Só a taberna de Casamaro amosaba iluminación no seu interior e alí me refuxiei da friaxe daquela hora temperá. Ao abeiro dun café quentiño fun sabendo que a feira escomenzaba arredor das dez e que o mercado estaría no seu momento álxido arredor das doce. Iso, e tamén o que máis tarde fun vendo, lembroume o xeito antigo de celebrar as feiras, que escomezaban nesa hora e duraban ata ben avanzada a tarde. Así que tocaba esperar, tras a cociña de leña encendida e co café sempre a punto, a que chegasen os feirantes.

Coa inestimable compañía espontánea do propietario de Casamaro  fun visitando o recinto que nos anos 80 se construíu para albergar as vendas do gando. No interior convivían vacas, cuxos, cabalos, ovellas, cabras, labregos e varios tratantes. No exterior, á beira dos cargadoiros, encontrei bastantes tractores con porcos da ceba, pois a feira desta data era a propia para a súa venda. Tiven a fortuna de poder gravar o momento dun trato entre labrega e tratante, no que o darse a man sempre foi como firmar un documento. 

A continuación, fun percorrendo os tenderetes do mercado e os polbeiros, que difícilmente loitaban co vento frío que cruzaba a aldea. Nos barracóns de comidas era máis doado encontrar acubillo e alí fomos  filmar e tamén  degustar o polbo e a carne ao caldeiro. Tamén houbo un momento para improvisar unha entrevista cun tratante de Garabás. 

Por último, tamén quixemos gravar os poucos pendellos expositores da feira que seguen en pé e nun estado de semiabandono. 

Desde aquí invitamos a rescatar todas as construcións de feira desta aldea da Gouxa, coa maior fidelidade posible á súa historia e tradición. É, sen dúbida, esta feira unha reliquia da maneira antiga de vivir e comerciar os galegos.  Nela encontrei toda a autenticidade dun mundo labrego que noutras zonas próximas xa estaba extinguido. Pero que aquí se conservaba sen saber moi ben cales son as razóns que lle permitiron sobrevivir. 

A feira da Gouxa, na actualidade é un punto de encontro onde se mantén moi vixente o costume de ir comer e degustar os seus dous pratos por excelencia: o polbo e a carne ao caldeiro. Dúas datas no mes, o 11 e o 23. Coñezo moita xente que xa o ten por hábito e que  lamentaría  faltar a algunha destas citas. Aquí reúnense principalmente xentes de Dozón, Lalín, Rodeiro, O Irixo, Piñor, Cea, O Carballiño, Maside …

O feitizo deste lugar e da súa feira perviven en min desde aquela data. Volvín varias veces, menos das que me gustaría, case sempre a comer. E co paso dos anos medra en min o convencemento de que este evento feiral é un dos máis ancestrais e senlleiros da nosa terra.

Despois de 29 anos levedando nos arquivos, creo que xa é horas de divulgar e compartir estas imaxes cos que visitades esta fiestra.

10/2/21

O FOXO DO CABRITO: UNHA INTERESANTE PARAXE CON HISTORIA



INTRODUCIÓN

No último mes acudín en dúas ocasións a esta singular paraxe coñecida como Foxo do Cabrito, alí onde conflúen os territorios dos concellos de Dozón, O Irixo e Lalín. Foi unha visita rutineira de quen soe saír a percorrer camiños e sendas da contorna, buscando o epicentro dos túneles ferroviarios que cruzan o ventre daqueles cumios. Tiña algunhas referencias xeográficas e literarias sobre o lugar, pero recibín unha sorpresa inesperada porque alí encontrei un "locus amoenus" a 724 m de altitude, que albergaba unha casa rodeada de prados e carballos, con todo o encanto da media montaña. Ese día bastoume co goce contemplativo daquela paisaxe que captou a atención da miña cámara.

A maior sorpresa viría a posteriori cando Eva Lamas, lectora das miñas publicacións en Facebook e con ascendentes neste lugar, me informa da historia desta casa. Iso invitoume a profundar no tema e volver ao lugar para facer máis fotografías e analizar in situ o significado e importancia deste enclave.

Agora, á vista do que puiden recabar, descubro que aquel espazo conta con moitos aspectos interesantes: ETNOGRÁFICOS (o foxo dos lobos e unha pousada ou venda), VIARIOS (cruzamento de dous importantes camiños, o dos Arrieiros e o que percorre o cordal desde As Antas-Beariz ata Chantada, o cruzamento dos túneles do tren), HISTÓRICOS (pousada, camiñantes, arrieiros, bandoleiros...), XEOGRÁFICOS (a confluencia administrativa de tres concellos e dúas provincias e a divisoria das concas hidrógraficas do río Viñao e do río Seixas), ARQUEOLOXÍA (mámoas, petroglifos, marcos xurisdicionais...) e A PAISAXE (agreste, de media montaña e con aquel recanto verde onde os carballos envolven a antiga pousada).

A TRAMPA PARA OS LOBOS. O TOPÓNIMO  "Foxo do Cabrito"
O microtopónimo co que se coñece aquela zona é dunha total transparencia, alude á existencia dunha antiga trampa para cazar lobos. Na actualidade non se conservan restos daquela construción, que con bastante lóxica desapareceu cando deixou de ter uso e a súa pedra quizais fose aproveitada para reutilizar ou ben en valados ou noutra construción.
As trampas para cazar lobos desde hai centos de anos eran construcións de tres tipos:o Foxo simple, o Foxo de Converxencia e o Foxo de Cabrita ou de Cabrito. 
Este último tipo de Foxo é o que aparece recreado no debuxo de arriba e na imaxe de abaixo, onde se recolle un foxo destas características, que existe preto da aldea de Guende, en Lobios, na Serra do Xurés. Este tipo de foxo é un recinto de forma circular ou elipsoidal, construído cun valado pétreo de máis de dous metros de altura, lixeiramente inclinado cara o interior e cun remate capiado con lousas. Estes recintos adoitan ter un diámetro duns 40 metros. Tamén se soe dotar dunha rampa exterior de acceso para facilitarlle a entrada ao lobo (outras veces constrúese adosado a unha rocha que facilite a entrada ao foxo.
No interior destes recintos soíase colocar unha cabra ou ovella, atada, e usada como cebo para atraer aos lobos. Moitas veces a cabra colocábase dentro dunha gaiola, feita ex profeso. Os lobos accedían ao interior do foxo atraídos polos balidos da cabra e unha vez dentro xa lles era imposible saír, dada a altura e inclinación do valado e tamén porque o capiado obstaculizaba que a alimaña saltase o muro. Co lobo dentro, os pastores acudían con todo tipo de obxectos ofensivos para acabar con el. 
O foxo xa non existe no Foxo do Cabrito, pero a toponimia encargouse de que trascendese ata a actualidade.

UN IMPORTANTE CRUZAMENTO DE CAMIÑOS

Á vista do mapa de Domingo Fontán (arriba), que data de 1845, podemos ver os dous principais camiños que se cruzaban no Foxo do Cabrito. O que vai de Sur a Norte é o Camiño dos Arrieiros e o que vai de Leste a Oeste percorre os cumios das montañas que serven de límite natural ás provincias de Ourense e Pontevedra e alóngase polo extremo sur da Serra do Faro. Na Ermida do Medio, á esquerda do mapa, bifúrcase en dirección a Vilatuxe e polo outra dirección segue a montaña polo Testeiro ata As Antas (Beariz). Cara o Leste segue polo Abeledo, Cotofrío, San Martiño, A Cruz de Paio, Roiriz, A Pallota, Povadura, Furco, Agrade, Quintá, Chantada....
Supoñemos que estes camiños estiveron moi transitados no pasado. E iso explicaría a perfecta situación e a necesidade dun establecemento de acollida (pousada ou venda) para os viaxeiros nesta paraxe de altura, alonxada dos núcleos habitados. Coincide neste aspecto coas comúns características das máis xenuínas pousadas dos camiños: illamento, lonxanía de poboacións, no cruzamento de camiños de travesía, nos límites de municipios ou provincias...
Nesta foto aérea de 1956, os asteriscos amarelos sinalan o camiño dos cumios e os puntos vermellos, o Camiño dos Arrieiros. Na imaxe tamén se sinalan: a pousada (1), o camiño que vai a Dozón (2), o camiño que descende buscando a aldea do Navallo-Lalín (3), o camiño que leva á aldea da Abeleda-Lalín (4), a estrada que desde O Irixo vai a Lalín (5), a estrada que conduce a Vilatuxe, previo paso por Samprizón e Lebozán (6), o camiño que se dirixe á Ermida do Medio (7), a estrada do Irixo (8), e os tres camiños sinalados co 9 baixan á Zacarade e ao Tellado (O Irixo).
Son todas estas vías naturais baseadas no relevo e que buscaban os cumios como lugares de paso menos dificultosos, pois xeralmente os camiños de fondo de val nas estacións chuviosas estaban demasiado enlamados e cruzar os ríos e regatos convertíase nunha tarefa ardua.

A POUSADA OU VENDA
Aquí, entre carballos e á beira dos camiños citados anteriormente, atopamos hoxe un conxunto de construcións que albergaron unha antiga venda ou pousada, que serviu nos últimos séculos para dar acubillo e seguridade aos viaxeiros dos camiños.
Delimitado por valados, entraba na pousada o camiño desde o norte. É bastante probable que ao perder a súa orixinal función de pousada, a casa se dedicase a explotación agropecuaria. Ao ser toda a mesma propiedade quizais decidisen eliminar o valado da esquerda e integrar o camiño,  xa sen función, na finca.
Moitas destas pousadas datan de finais do século XVIII e chegaron a ser tan importantes como os mesmos camiños ou os medios de transporte utilizados. A situación dunha instalación coma esta nun lugar tan illado obedece ao paso da montaña, á confluencia de dous camiños importantes de longo percorrido e ao paso de numerosos viaxeiros. Caeron en desuso coa modernización dos medios de transporte e coa construción dunha nova rede viaria. É de supoñer que esta pousada do Foxo estivese operativa desde o século XVIII ata o primeiro terzo do século XX.
A pousada ou venda do Foxo ten a estrutura máis común destes albergues: un edificio central e as construcións adxectivas arredor, deixando un amplo curral interior, neste caso con dúas amplas portadas de entrada, unha orientada ao norte e o outra ao sur.
Cabalerizas, cortellos, pendellos, palleira... rodeaban o curral e actuaban simultaneamente como unha muralla que pechaba e fortificaba o casal.


As construcións adxectivas aparecen todas xa sen tellado e presentan varias trabes apoiadas no chan. Na da foto de arriba, que conta cunha ampla superficie, vemos o chan xa colmatado de materia vexetal e escombros. É unha construción que aproveitaba dous andares: a planta baixa e o faiado. Así o confirma o oco da ventá que mira cara ao solpor desde o faiado.
O tempo transcorrido desde o seu abandono quizais o exprese ben o arbusto que medra no interior dun pendello onde se aloxaba o forno do pan. 
Sabemos que, abandonada a súa función de pousada, foi durante bastante tempo unha casa de labranza. En 1958, ou quizais algo antes, foi abandonada definitivamente ao sercárenselle os pozos de auga por mor das obras do túnel do ferrocarril que se construíu no subsolo desta casa naqueles anos. A desaparcición das augas freáticas é unha das consecuencias da acción dos explosivos utilizados no túnel.
A casa-vivenda do pousadeiro e a súa familia, con escaleira e patín ao curral interior. O habitual era dedicar a planta baixa a cociña, despensas, almacéns, etc. 
Patio ou curral da pousada. A casa á dereita. Os outros lados do patio rectangular estaban ocupados por un elevado número de dependencias adxectivas. Aquí soía estar o pozo, abeberadeiros para o gando e pesebres. 
Unha das múltiples casetas para albergar gando, camiñantes, carruaxes ou forraxes. Imaxinamos que o estado lamentable daqueles camiños decimonónicos favorecerían máis o transporte en cabalerías que en carruaxes.
Outra das dependencias adxectivas. Chegamos a contar máis dunha ducia delas. Só iso  xa indica que foi unha pousada bastante concorrida.
Outra dependencia. Aquí pernoctarían camiñantes, arrieiros, comerciantes, viaxeiros románticos, bandoleiros, salteadores de camiños, cazadores....
Outra caseta con gran portada de acceso. A ausencia de elementos e a invasión da vexetación impiden adiviñar a primitiva función de cada unha destas dependencias.
Portas de acceso a outras dúas dependencias, a carón da portada sur do curral.
Edificio principal. Supoñemos que a da esquerda sería a casa-vivenda e a da dereita o pavillón central da pousada. En calquera caso, o conxunto contaba con múltiples espazos, con planta baixa e faiados, suficientes para aloxar un importante número de hóspedes.
Chamounos a atención tamén esta caseta exenta de planta baixa, fóra do recinto da pousada. Supoñemos que sería unha ampliación da pousada para cando estaba completa a zona central, ben para gando ou ben para persoas.

Parte traseira da Pousada.  
A soa existencia e conservación desta pousada consideramos que é unha auténtica excepción no territorio galego. Polo que, dada a súa pretérita importancia social e económica, atendendo ao seu digno estado de conservación, sempre recuperable, cremos que é un elemento do patrimonio arquitectónico e cultural merecente de atención e conservación.
Na actualidade, os prados que rodean o casal aínda son coidados e aproveitados por algún labrego das inmediacións e o aspecto que presenta a zona é moi digno e acolledor. 
Aquí vemos un fragmento dos camiños, á esquerda o que vai cara a ponte das Campinas (Camiño dos Arrieiros) e pola dereita o que se dirixe á Cruz da Grade.
Actualmente, debaixo destes camiños crúzanse tamén dous túneles do Ferrocarril e o Foxo é o epicentro desta intersección.
Entre os datos e anécdotas aportadas por Eva Lamas, podemos citar que a finais do século XIX o casal estaba habitado pola familia Lamas (devanceiros de Eva, supoñemos), que contaba con 22 fillos e aínda se conserva o testamento onde se citan.
Unha segunda circunstancia ocorreu a finais dos anos 70 do pasado século, cando unha banda de ladróns se asentou de intrusa nesta casa. Tivo que ir a Garda Civil para desaloxar o edificio, pero non conseguiron deter a ningún dos delincuentes. Sen embargo o alixo do que se incautaron era inxente (bebidas, armas, tecidos, alimentos, etc.).
Só me resta engadir que esta visita ao Foxo do Cabrito e saber da existencia desta casa destinada a pousada ou venda, dos túneles e as súas consecuencias, do foxo para cazar lobos, do paso de numerosos viaxeiros no pasado... evocoume moi vivamente o romanticismo, heroicidade, sacrificio e aventura daqueles arrieiros e viaxeiros de todo tipo que afrontaban as dificultades dos camiños, da montaña, dos perigos, dos asaltos. Toda esa historia non a podemos esquecer.

17/1/21

CARTA DE RAMÓN CABANILLAS ONDE CITA AO SEU AMIGO ALCALDE DE DOZÓN

O poeta Ramón Cabanillas Enríquez quedou definitivamente vinculado con Dozón por dobre motivo: pola súa estadía como secretario do concello  e polo poema que deixou escrito loando as outas terras dezonenses.

Hoxe ofrecemos unha carta que desde o mosteiro de Samos envía Cabanillas ao seu amigo Isidoro Millán. Nela aparece expresada a amizade que seguía a manter co alcalde de Dozón, que daquela (1948) era Manuel Crespo Vázquez.



 

10/1/21

TERRAS DE DOZÓN NO COMEZO DO ANO 21

 Dozón tivo un dos seus primeiros cantores na voz do poeta cambadés, Ramón Cabanillas. Exercera como secretario do concello durante aproximadamente un ano na década dos anos 40. Inspirado por estas paisaxes, dedicoulle un poema ás Terras outas de Dozón, desde a súa perspectiva de habitante da costa e próximo á senectude. 

Este poema é un verdadeiro regalo para o concello de Dozón. E desde aquí convén resaltar este mérito.

Nunha recente camiñata polo concello de Dozón, combinando ese monte raso do que fala o poeta e as ribeiras do río que nace na Pena de Francia, fomos tomando estas imaxes e con elas ilustramos agora fragmentos do referido poema.

Terras outas de Dozón

ríspidas, graves e núas...

Terras outas de Dozón!

Terras bravas, montesías...

Pedras dos cumes desfeitas

do lóstrego e do trebón

Todo en vós dorme calado

no colo da Saudade...

de menhires e cruceiros

que soñan baixo os luceiros

nun soño de eternidade

con degaros dos pasado!

Terras Outas de Dozón!
Na hora da despedida
déixovos o corazón!
Vinvos vello que se non...
outra fora a miña vida,
terras de monte Dozón!

2/11/18

A GOUXA, ENCRUCILLADA DE FEIRA NOS CAMIÑOS REAIS


A Gouxa é unha aldea evocadora nas terras de Dozón, con longa historia de labregos e pegureiros, acrecentada polo dinamismo dos camiños. Viandantes, peregrinos e arrieiros transitaron arreo estas xeografías esparavanadas e deixaron aquí o ronsel do seu paso efémero. Supoñemos que terían neste ámbito refuxio e pousada desde antigo, como é propio en tantos vieiros.

A feira, que disque fora promovida polos monxes da Oseira tan próxima, sería o feito definitivo que catapultaría a aldea ao olimpo dos lugares de referencia. Os días 11 e 23 de cada mes actuou e actúa desde hai moito como lugar de encontro, concentrando xentes da contorna para o mercado, para os negocios e compravendas, para o parrafeo,  para o intercambio, para a degustación do polbo e a carne ao caldeiro... para saborear a xornada coa parsimonia que só os labregos saben amosar cando se conceden unha licenza para descansar.

 A aldea, da parroquia dezonense de Bidueiros, foi levantando pendellos expositores, barracóns para xantar e algunhas casetas-almacén para acoller a celebración do mercado. Os edificios, xunto coas casas labregas, fóronse organizando nas beiras do camiños reais, deixando amplos espazos para albergar as compra-vendas da feira. Nestas prazas aínda quedan varios carballos dos bastantes que é de supoñer acubillarían aos feirantes nos días solleiros.

 Os camiños da aldea partían nas catro direccións dos puntos cardinais: polo norte, un dirixíase pola Pena de Francia, Rañestras, A Lagoa, Alemparte á Ponte de Pedroso, onde cruzaba o Arnego con dirección a Ventosa e Agolada.
Cara o norleste, buscaba as parroquias cambotas de Arnego, Carboentes e Asperelo. E polo Leste dirixíase á Pallota, Pobadura e por Furco accedía á provincia de Lugo para continuar por Agrade e Chantada.
Polo Sur, descendía a Ourense, previo paso por Coiras, Carballeda, O Reino, Arenteiriño, Piñor, Cea...
Polo Oeste, seguía o cordal das montañas por San Martiño, Cotofrío, Foxo do Cabrito e dirixíase á Ermida do Medio. Desde alí podía descender á Espiñeira e Froufe, no Irixo; ou ben descender pola outra banda cara a Zobra ou cara a Vilatuxe, nas terras de Lalín.



Unha capela, hoxe desafectada de culto relixioso e  reconvertida en garaxe de tractor, escoltaba o camiño real que partía da aldea cara a Pena de Francia.
A primeira vez que visitei esta capela e coñecín este camiño, hai máis de vinte anos, serviume de pretexto para escribir uns sinxelos versos que a continuación reproduzo:


 CAMIÑO REAL

Antigo camiño real,
vía dos arrieiros.
que dende O Reino sobe
e chega a Bidueiros.

Camiño dos casteláns,
entra na Gouxa das feiras,
alóngase pola aldea
entre as casas mailas eiras.

Senda dos maragatos,
ruta dos peregrinos,
vai da Gouxa para Camba
na busca doutros destinos.

Na saída da aldea,
do camiño nunha beira,
con amplo e belido arco
loce a capela senlleira.


Hoxe, triste e abandonada,
sen devoción e sen culto
evoca o divino Portal
para ganarse o indulto.

A carón dun carballiño
na outra banda, hai un cruceiro,
loce fuste e capitel
e a fachenda do canteiro.

Deixa o camiño a aldea,
rube o agro entre valados,
ata a Ponte de Pedroso,
todo é monte e poucos prados.

OS FORNOS COMUNAIS DE DOZÓN

Forno comunal de Cardelle - Dozón No ano 1993 souben do forno comunal do Carballo nunha visita que fixeramos á parroquia de Dozón. Foi o pri...