2/11/18

A GOUXA, ENCRUCILLADA DE FEIRA NOS CAMIÑOS REAIS


A Gouxa é unha aldea evocadora nas terras de Dozón, con longa historia de labregos e pegureiros, acrecentada polo dinamismo dos camiños. Viandantes, peregrinos e arrieiros transitaron arreo estas xeografías esparavanadas e deixaron aquí o ronsel do seu paso efémero. Supoñemos que terían neste ámbito refuxio e pousada desde antigo, como é propio en tantos vieiros.

A feira, que disque fora promovida polos monxes da Oseira tan próxima, sería o feito definitivo que catapultaría a aldea ao olimpo dos lugares de referencia. Os días 11 e 23 de cada mes actuou e actúa desde hai moito como lugar de encontro, concentrando xentes da contorna para o mercado, para os negocios e compravendas, para o parrafeo,  para o intercambio, para a degustación do polbo e a carne ao caldeiro... para saborear a xornada coa parsimonia que só os labregos saben amosar cando se conceden unha licenza para descansar.

 A aldea, da parroquia dezonense de Bidueiros, foi levantando pendellos expositores, barracóns para xantar e algunhas casetas-almacén para acoller a celebración do mercado. Os edificios, xunto coas casas labregas, fóronse organizando nas beiras do camiños reais, deixando amplos espazos para albergar as compra-vendas da feira. Nestas prazas aínda quedan varios carballos dos bastantes que é de supoñer acubillarían aos feirantes nos días solleiros.

 Os camiños da aldea partían nas catro direccións dos puntos cardinais: polo norte, un dirixíase pola Pena de Francia, Rañestras, A Lagoa, Alemparte á Ponte de Pedroso, onde cruzaba o Arnego con dirección a Ventosa e Agolada.
Cara o norleste, buscaba as parroquias cambotas de Arnego, Carboentes e Asperelo. E polo Leste dirixíase á Pallota, Pobadura e por Furco accedía á provincia de Lugo para continuar por Agrade e Chantada.
Polo Sur, descendía a Ourense, previo paso por Coiras, Carballeda, O Reino, Arenteiriño, Piñor, Cea...
Polo Oeste, seguía o cordal das montañas por San Martiño, Cotofrío, Foxo do Cabrito e dirixíase á Ermida do Medio. Desde alí podía descender á Espiñeira e Froufe, no Irixo; ou ben descender pola outra banda cara a Zobra ou cara a Vilatuxe, nas terras de Lalín.



Unha capela, hoxe desafectada de culto relixioso e  reconvertida en garaxe de tractor, escoltaba o camiño real que partía da aldea cara a Pena de Francia.
A primeira vez que visitei esta capela e coñecín este camiño, hai máis de vinte anos, serviume de pretexto para escribir uns sinxelos versos que a continuación reproduzo:


 CAMIÑO REAL

Antigo camiño real,
vía dos arrieiros.
que dende O Reino sobe
e chega a Bidueiros.

Camiño dos casteláns,
entra na Gouxa das feiras,
alóngase pola aldea
entre as casas mailas eiras.

Senda dos maragatos,
ruta dos peregrinos,
vai da Gouxa para Camba
na busca doutros destinos.

Na saída da aldea,
do camiño nunha beira,
con amplo e belido arco
loce a capela senlleira.


Hoxe, triste e abandonada,
sen devoción e sen culto
evoca o divino Portal
para ganarse o indulto.

A carón dun carballiño
na outra banda, hai un cruceiro,
loce fuste e capitel
e a fachenda do canteiro.

Deixa o camiño a aldea,
rube o agro entre valados,
ata a Ponte de Pedroso,
todo é monte e poucos prados.

3/7/18

CONSTRUCIÓNS TRADICIONAIS DE CUBERTA VEXETAL EN DOZÓN


Os tellados da arquitectura tradicional de Dozón resolvéronse principalmente con trabes, pontóns e doela de madeira soportando  tella curva de arxila. É o caso da imaxe de arriba, na que podemos ver un longo pendello-expositor no campo da feira d'A Gouxa que presenta na cuberta os citados elementos. No extremo máis alonxado do pendello observamos que a renovación do tellado fíxose con chapas de fibrocemento, costume recente e bastante estendido no último medio século.
Outra cuberta tradicional en Dozón, menos frecuente, é a que presenta lousa esquistosa e da que quedan aínda algunhas construcións con este tipo de tellado, como un pendello situado na carballeira do castro de San Breixo, a carón da igrexa. Estes tellados obrigaban a utilizar madeiras moi consistentes para montar a estrutura de soporte.
Pero, de todas as cubertas tradicionais, quizais a que máis sorprenda en Dozón sexa a presenza aínda nos finais do século XX de construcións con cuberta de colmo de palla centea. Aparece principalmente en construcións adxectivas (cortes e palleiras) con tellado a dúas augas. Na actualidade é difícil encontrar en Dozón tellados de colmo. Os que había foron substituídos por chapas de fibrocemento ou desapareceron xunto coa edificación á que pertencían.
 Se observamos o mapa da imaxe superior (da autoría de Carlos Varela Aenlle, autor do traballo "As cubertas vexetais no noroeste peninsular") sorpréndenos ver Dozón como única zona xeográfica de Galicia fóra das serras orientais onde aparecen  construcións con cuberta de palla. A área galega onde existen ou existiron estas cubertas son: Os Ancares, O Cebreiro, Chaguazoso (Vilariño de Conso) e a Mezquita. E singularmente, no centro de Galicia, Dozón.
A cuberta de colmo de palla  é característica das primeiras construcións, xa aparecía nas vivendas circulares castrexas. Prolongouse nas pallozas, nalgunhas vivendas de dous andares (Chaguazoso) e en construcións adxectivas (cortes, palleiras, hórreos, cortizos...). Esta cuberta empregouse sempre en áreas de montaña, con climas de invernos rigorosos. Dozón pode considerarse de media montaña. As cubertas de colmo pemitían un maior illamento térmico e unha menor condensación interior. E quizais resultasen tamén máis asequibles economicamente.

 A imaxe anterior e o seguinte fragmento de texto corresponden ao referido traballo de Carlos Xesús Varela Aenlle.
As cubertas vexetais no Noroeste peninsular tiveron unha grande importancia en épocas pasadas xa que aparecen nomeadas en numerosas escrituras de diversos séculos pero tamén algunhas nos chegaron como un tesouro da arquitectura popular até boa parte das últimas décadas do século XX.
A partir das décadas de 1980 e 1990 prodúcese un cambio radical na súa conservación, que xa viña
unido á decadencia dunha sociedade económica tradicional labrega baseada na agricultura e na gandaría e que levaría consigo a desaparición de moitas destas construcións.
Aínda así sabemos da variedade de edificacións que se cubrían con materiais vexetais, desde casas,hórreos, muíños, batáns, cabanóns, igrexas, etc. nun espazo xeográfico con abundantes analoxías etnográficas e culturais como é o Noroeste da Península Ibérica, é dicir, toda a área que abrangue Galiza, o Norte de Portugal (Minho, Trás-os-Montes, Douro Litoral, Beira Alta...), Asturias, León, Zamora e o Norte de Palencia. As cubertas maioritariamente eran de centeo, pero tamén se utilizaron outros materiais como a xesta, o trigo, o millo, a escanda ou os terróns.
Toda esta tradición construtiva enmárcase dentro dun contexto máis amplo europeo onde existen así mesmo construcións con cuberta vexetal en numerosos países: Bretaña, Romanía, Inglaterra, Hungría, Rusia, Polonia, Alemaña, Suiza, etc.
A área de extensión da casa de cuberta vexetal na Galiza diminuiu fortemente desde hai décadas,
pero temos constancia a través de documentos antigos que o seu espallamento foi notábel por
diversas bisbarras do país, era a denominada “casa pallaza” nas escrituras. Ao mesmo tempo
varios viaxeiros no século XVI testemuñan a súa presenza.
Para tomar un exemplo no ano 1496 unha escritura do mosteiro de Santa Comba da Órrea no concello de Riotorto, referida a dous labregos do pobo de Fonseca di: “ (...) Et, dentro de un anno luego primero siguiente, an de fazer, cada unno dellos, sua casa pallaza, buenas en el dicho lugar, et morarlas e probarlas (...)”. Mais, xa a principios do século XIX restrínxese ás zonas montañosas do oriente galego, é dicir, aos concellos de Folgoso do Courel, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais, Baleira, Becerreá, A Fonsagrada e Pedrafita do Cebreiro.
Hoxe en día e cunha forte decadencia sitúanse nos concellos da Fonsagrada, Baleira, Becerreá, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro e Cervantes. No ano 1990 cifrábanse por parte da Xunta de Galiza nun número de 149, sendo Cervantes o concello con máis número delas (57) e Baleira a menor cun só exemplar. Na súa función tan só 14 seguían como vivenda, mentres que 109 utilizábanse como cortes e 21 como celeiros.
De todos os xeitos algunhas construcións de concellos próximos como Baralla, Triacastela ou Folgoso do Courel posúen aínda características de edificacións que foron teitadas no seu momento, que hoxe teñen a cubrición de lousa e na que se aprecia a falta de adaptación ás paredes e á organización interior da estrutura de vigas de madeira dunha antiga palloza.
Noutros lugares de Galiza as plantas con muros redondos, que sospeitamos como fan moitos dos etnógrafos actuais, tamén estarían cubertas de palla no seu tempo en concellos tan distantes como As Pontes de García Rodríguez, Riotorto, A Pontenova, O Vicedo, Calvos de Randín, Sobrado dos Monxes, Manzaneda, etc.
 A imaxe anterior e as seguintes  están tomadas do libro "A comarca do Deza" de Armando Vázquez Crespo e Daniel González Alén.
 En primeiro plano, corte en Fonte Estrada (A O)
Corte na aldea d'A Gouxa.

18/2/18

IGREXA DE SAN REMIXIO DAS MACEIRAS

Non cabe dúbida de que o concello de Dozón alberga nos seus templos relixiosos suficientes peculiaridades e atractivos. Quero destacar tres deles por diferentes razóns: a igrexa do mosteiro de San Pedro de Vilanova pola súa excelente fábrica románica; o santuario de Pena de Francia, do que destacaría o seu emprazamento na maior elevación do municipio e a devoción relixiosa dos romeiros que alí acoden nos días de romaría. E en terceiro lugar situaría a igrexa de San Remixio das Maceiras. A igrexa é sinxela, de pequenas proporcións e arquitectura convencional. Fachada pétrea de perpiaño coroada por unha espadana, que acolle a única campá, e dous pináculos barrocos nos extremos.
Sin embargo, deste lugar eu quixera destacar outros factores que a min  me resultan especialmente interesantes: a soidade do lugar e o afastamento do templo das diferentes aldeas das que é cabeceira de parroquia; tamén a pequena carballeira e o cruceiro que rodean o adro; o cemiterio, onde sempre experimento a lírica de Bécquer ("Dios mío, que solos se quedan los muertos..."). E especialmente a singular situación da igrexa  no interior do castro de San Breixo, nun contexto cargado de historia e un entorno agreste, que  as queiroas e os toxos  engalanan coas súas cores na primavera.
Templo e entorno conforman un espazo fermoso e entrañable non exento dunha aura de fantasía e misterio. Son estas as aportacións que lle confiren  a soidade do emprazamento  e a historia do pretérito poboado prerromano.

15/12/17

A LAMA (SAA)

En realidade de todos os sitios se poden contar moitas cousas interesantes. Para iso hai que coñecelos ben e ter con eles vínculos afectivos consolidados. 
Eu coñezo A Lama, na parroquia de Saa, de varias visitas esporádicas e gardo coa contorna unha estreita relación de anos percorrendo este territorio en gratificantes periplos ciclistas que se prodigan en todas as estacións do ano. Moitas veces evito o paso polo miolo das aldeas para non incomodar á poboación canina nos seus dominios. Quizais por iso o meu itinerario se limita habitualmente a circular pola Cruz de A Lama en dirección á Pena de Francia ou transitar desde Rañestras con dirección a Cuñarro e Arnego. Iso non me impide admirar, coñecer e gozar con este locus amoenus das terras dezonenses. 
A Lama repousa nunha hospitalaria vagoada que a natureza quixo ornar con verdes tapices herbáceos e vizosas carballeiras. No medio, as casas da aldea dispóñense nas beiras dos camiños, actualmente asfaltados, que parten da Cruz da Lama e de Cardelle. E alí coa omnipresenza da Pena de Francia, a aldea estende a mirada cara os horizontes de O Castro cara o poñente.
A Lama é terra de labregos rexos, herdeiros dunha longa tradición, que doe ver como aos poucos vai minguando. Sería desexable un futuro de esperanza e prosperidade para quen decide ganar o sustento coas tarefas agropecuarias. Ese é labor no que todos os sectores da sociedade debemos implicarnos. Contribuír á valoración, defensa e respecto polos modos de vida ancestrais que desde antigo permitiron habitar o rural e facer das aldeas ese remanso de tranquilidade e vida sa.
Gusto do lugar e expreso admiración sincera por quen habita aínda as aldeas. Porque eles son portadores dunha herdanza antiga. E quizais por costume ou quizais tamén por resistencia, manteñen acesa a chama da vida campesiña.

8/12/17

O SANTUARIO DE PENA DE FRANCIA DE DOZÓN. ORIXES.


Quizais a moitos que visiten Dozón por primeira vez  lles resulte sorprendente o nome de Pena de Francia, o cal designa a montaña máis elevada do concello e un santuario mariano. Iso foi o que me sucedeu a min hai 29 anos cando o visitei por vez primeira. A sorpresa reside no nome Francia. Un termina preguntándose por que se cita aquí ao país galo  e trata de buscar explicación na Guerra de Independencia Española de 1808. Mais non é ese o motivo. Trataremos de averigualo, pois.
Isto é o que encontramos:
PEÑA DE FRANCIA . EL CABACO (SALAMANCA)
A Pena de Francia é unha montaña moi coñecida na provincia de Salamanca e sitúase no Parque Natural As Batuecas - Serra de Francia, sendo o segundo pico máis alto deste parque con 1.723 metros de altitude, tras o Pico Hastiala. Pero ademais do seu prominente perfil xeolóxico, a Pena de Francia é coñecida por ter un santuario dedicado á Virxe da Pena de Francia, lugar de peregrinaxe, e unha hospedería que datan do século XV.
Do mesmo xeito que a Serra de Francia, a Pena de Francia debe o seu nome a que no século XI, entre os poboadores que chegaron a Salamanca tras a expulsión árabe, houbo unha colonia francesa que se estableceu nesta zona da provincia, razón pola que quedaron aquí algúns dos seus apelidos como Luís, Griñón ou Martín.

Desde o punto de vista xeolóxico, a Pena de Francia é un sinclinar colgado cuarcítico no que abundan os fósiles de pegadas trilobites, e que hoxe nos serve de mirador, pois desde aquí podemos ver  a chairaa adevesada do Campo Charro de Salamanca ao norte, a Serra das Quilamas e Serra de Francia ao leste, e as Urdes extremeñas ao sur.
Ademais divisamos municipios próximos como A Alberca, Miranda do Castañar, Béjar ou Lagunilla, e se o día está moi despexado din que ata se ve Salamanca de lonxe.

SANTUARIO DE PEÑA DE FRANCIA (SALAMANCA)
En 1434, segundo conta a lenda, descóbrese a imaxe dunha Virxe negra no promontorio rochoso da Peña de Francia. E constrúeselle unha ermida no mesmo lugar. Xa no ano 1436, os frades dominicos fanse cargo da imaxe e da ermida e no 1445 inician a construción dun convento coa súa igrexa, onde na actualidade se venera a imaxe. A partir dese momento, o lugar converteuse nun importante foco de pelerinaxe relixiosa. O santuario mariano, dotado con hospedería, e a elevada situación do lugar (1727m.) actuaron como elementos catalizadores para atraer a poboación charra e extremeña especialmente.
Os frades deste convento amosaron unha destacada vocación misioneira e estenderon a devoción á Virxe de Pena de Francia por España, América, Filipinas e Portugal:
España
Santuario orixinal: Santuario de Nuestra Señora de la Peña de Francia, situado en la Peña de Francia (El Cabaco, Salamanca).
Igrexa de San Andrés, en Ciudad Rodrigo, Salamanca.
Convento de San Esteban, Salamanca.
Ermida da Nosa Señora de la Peña de Francia, situada no termo municipal de Zamora.
Igrexa de San Martín, na cidade de Valladolid.
Igrexa de Nuestra Señora de la Peña de Francia, en Puerto de la Cruz, Canarias.​
Igrexa de Santa María e ermida de Pena de Francia en Dozón.
Santiago de Parada, en A Cañiza, Pontevedra.
Portugal
Santuario da Nossa Senhora de la Penha de França, Lisboa​
Ermida da Nossa Senhora de la Penha de França, Praia do Norte, Azores (Portugal).
Igrexa da Nossa Senhora de la Penha de França, Água Retorta, vila de Povoação, illa de São Miguel, Azores (Portugal).
Igrexa da Nossa Senhora de la Penha de França, Posto Santo, Azores (Portugal).
Igrexa de la Penha, Braga (Portugal).
Brasil
Santuario de Nossa Señora da Penha (Convento da Penha), Vila Velha, Espírito Santo.​
Santuario da Nossa Senhora de la Penha de França, Penha de França, São Paulo.​
Igrexa matriz da Nossa Senhora de la Penha de França, Itapira, São Paulo (Brasil).
Igrexa matriz da Nossa Senhora de la Penha de França, Resende Costa, Minas Gerais (Brasil).
Igrexa da Nossa Senhora de la Penha de França, Río de Janeiro (Brasil).
Igrexa da Nossa Senhora de la Penha de França, Salvador de Bahía (Brasil).
Basílica de Nossa Señora da Peña, Recife, Pernambuco (Brasil).
Igrexa de Nossa Senhora da Penha, São Luís, Maranhão (Brasil).
Iglesia catedral da Nossa Señora da Penha, Crato, Ceará, Brasil.
Igrexa da Nossa Senhora de la Penha, João Pessoa, Paraíba (Brasil).
Igrexa matriz da Nossa Senhora da Penha, Jaraguá, Goiás (Brasil).​
Igrexa matriz da Nossa Senhora da Penha, Corumbá, Goiás (Brasil).
Igrexa matriz da Nossa Senhora da Penha, Campos dos Goytacazes, Rio de Janeiro (Brasil).

E Igrexa de Nosa Señora de Peñafrancia en Bicolandia (Filipinas).

CONCLUSIÓNS:
Entendemos que a orixe do santuario da Pena de Francia de Dozón debe enmarcarse nese labor misioneiro de divulgación da devoción pola Virxe da serra salmantina, por parte dos frades dominicos. E a súa datación podería remontarse varios séculos, quizais ata o barroco do século XVII.
Tamén debe entenderse a erección de santuarios nos cumios máis elevados como un costume ancestral que provén de tempos moi remotos, que encontraba estes lugares idóneos para ritos relixiosos de acordo coas primixenias crenzas, nas que se veneraron as forzas da natureza. Posteriormente, o cristianismo sacralizou estes lugares de relixiosidade pagá, adaptándoos aos novos preceptos e decidiu erixir ermidas, santuarios, etc.
Por tanto, deducimos que unha colonia francesa no século XI lle deu nome a unha serra salmantina, esta serra deulle apelido a advocación mariana dun santuario dominico, alí edificado. A devoción mariana da serra de Salamanca foi estendida en misións polos frades e dese xeito chegou a Dozón, onde non só lle deu nome ao santuario da Virxe, senón tamén á montaña onde este está situado.
Así de sinxelo, como a maioría das cousas da vida.

22/11/17

VILARELLO

Vilarello esténdese desde o Alto da Rocha en suave pendente cara o rego que desde A Lagoa baixa ao Asneiro na procura de A Retorta. Goza de panorámicas de privilexio e a natureza foi pródiga con esta terra: engalanouna coa prestancia dos carballos e a suavidade dos pasteiros. As casas aparecen como pinceladas de cor que rompen a monotonía do verdor, son a constatación da humanización da paisaxe. Desde o Agro da Retorta ata o Freixedo e desde Lagorciños ata Valdemoles, velaquí o espazo agropecuario onde a pequena parroquia desenvolve o seu labor.
O nome Vilarello é un diminutivo de Vilar (casal ou grupo de varias casas). E así desde antigo. Desde aquí desexámoslle longa e proveitosa singradura neste incerto mar da historia.

16/11/17

DIZ

Encontraron os ancestros en Diz
orixe e acubillo feliz.

Os actuais poboadores de Diz
saben do arraigo, da forte raíz.

12/11/17

O TOPÓNIMO "O SISTO"

Non se sabe moito sobre a orixe deste topónimo, que debe de ser moi antigo. Algúns autores consideran que os topónimos Sesto e Sisto son derivados do latín SISTERE (poñer,establecer e significarían establecemento para o gando, en relación a lugares de pasto)
É un topónimo bastante frecuente en Galicia, pois hai arredor de 60 entidades de poboación chamadas O Sisto/ Sisto.
Ten a mesma orixe ca Sesto, Sestos, Sistelo, Os Sistos.
No foro https://foros.xenealoxia.org/viewtopic.php?t=3610 cítanse as seguintes aportacións de diversos autores:
En Xenealoxia.org aparece como Sisto parroquia do Concello de Dozón. Existe certa polémica entre as xentes deste lugar sobre se é con "S" ou con "X", as pesquisas que fixen levaronme a que é O Sisto. En varios documentos do século XIX aparece con "S", o cambio penso que se produciu despois de que se chamase a parroquia de San Vicenso a partir da IIªRepública, recollendo finalmente os documentos o termo Sixto dun tempo a esta parte. 

Agora, na actualidade, ainda non está totalmente aclarada a discusión. Gustaríame ter máis argumentos ó respecto. Así, de anteman agradezo a calquera que poida axudarmea conseguir máis información sobre deste tema, fontes varias...

Un saúdo.

Mar (mariadomar).

Ben, respeito de Sisto non encontrei demasiado. De feito o que che vou comentar está no libro de Isidoro Millán: Toponimia del concejo de Pontedeume y cartas reales de su pueblo y alfoz.. Alí tamén hai este topónimo
Non obstante parece que o topónimo debe escribirse Sisto. Este nome así como Sistelo, Sesto, Sestelo, provén do ordinal Sextus e o senso sería que se trata dunha sexta parte na repartición de terras dun determinado lugar en época medieval. En principio a pesar da diferencia Sisto Sesto, parece que son a mesma palabra ainda que a explicación da mesma non me atrevo a encontrala convincente na obra de D. Isidoro. Este alude a que os topónimos Sisto veñan de época sueva porque o xermánico occidental que falaban levase a pronunciar Sixtus o ordinal frente aos galaicorromanos que pronunciarían Sextus. En fin, isto xa son debates de eruditos que nos escapan e que podemos encontrar mais ou menos convincientes. Adianto que eu son un inveterado escéptico.
Cumprimentos cordiais.
maviac.

Hai outro traballo de toponimia: Toponimia de Sarria de Antonio Diaz Fuentes. Nel tamén se recolle un lugar chamado Sixto pero que na documentación antiga aparece sempre como Sisto, e él opta depois de descartar que sexa un nome de posesor por un derivado do verbo latino sisto, que significa por, colocar, parar, considerando o topónimo có senso de apostadoiro ou parada no camiño. Tampouco me parece convincente; creo preferibel a derivación de Sisto do ordinal latino Sextus.
maviac.

Maviac, moitas grazas polas referencias bibliográficas, pasarei a lelas. Penso que pode referirse o da sexta parte no reparto de terras, pois dentro da mesma parroquia hai un pobo que se chama Sestos( deste non hai discordia, séguese a escreber con "s"). 

Saúdos.
mariadomar.

7/11/17

O RÍO ASNEIRO, UN TESOURO

     Dozón ten un tesouro quizais non suficientemente valorado: o río Asneiro ou Dozón. Un rego incipiente que aflora tímido na Carballeira do Rei (Pena de Francia) e que vai nutríndose ao baixar ao val coas augas doutros regueiros tributarios, para conformar un fermoso río co seu cauce sonoro e un frondoso bosque de galería. Abeirando pasteiros e trazando meandros caprichosos, baixa sen présas para alegrarnos a vida e a mirada.
     Cómpre preservar esta beleza e a pureza das súas augas. E dispensar todos os coidados que se nos ocorran para manter viva esta corrente. A seca que estamos a sufrir este ano debería facernos reflexionar. Quen sabe se algún día escaseará este ben do que estamos afeitos a gozar! A auga é un tesouro en retroceso. E non chega con manter o seu caudal. Faise imperativo protexer a súa pureza.

5/10/17

SANGUIÑEDO


Sanguiñedo, nobre terra
de ouriois cantareiros,
rexos homes pegureiros,
feros lobos na alta serra.


Alto Coto da Abiseira,
de empinada escorrentía,
do miñato, da bubela,
da pega e da cotovía.


Valdelobos, Valdecubas,
Monte Xis, o Valdasilva,
na inmensa soedade
vixiantes noite e día.


Valtrigás, o Zarnadelo,
Valdomiós, a Tragariza,
tolleitos polos coriscos,
mancados pola invernía.


Treboaba na casa do Vence,
o vento ruxía na de Avelino,
oulaban os cans na medianoite,
o eco subía ao Foxo do Cabrito.


A aldea é un antigo mosaico,
erixida paulatina no paso dos anos,
coa casa fidalga dos Varela
e co amplo corredor da casa Riando.


Vou camiño a Sanguiñedo 
coa ledicia dos días solleiros,
a paisaxe envólveme na fronda
desde os Chaos de Cardueiro.

                                                          Manuel Busto Galego

OS FORNOS COMUNAIS DE DOZÓN

Forno comunal de Cardelle - Dozón No ano 1993 souben do forno comunal do Carballo nunha visita que fixeramos á parroquia de Dozón. Foi o pri...